O confinamento encheu de vida os balcóns e as terrazas de moitas rúas de vilas e cidades galegas. Vermús musicais, aniversarios, saúdos, cancións dedicadas ou proxeccións. As celebracións iniciáronse os primeiros días contra as oito da noitiña, coincidindo coa homenaxe ao persoal sanitario, pero o paso dos días, eses primeiros aplausos deixaron a porta aberta a novas celebracións a calquera hora do día.
Os encontros a través das ventás representan un respiro e un reforzo positivo para moitas persoas mais tamén acabna por incomodar a quen está convalence ou precisa descanso. É por isto que o Concello de Sada vén de estabelecer uns límites para estes festexos.
Horarios
“Debido á proliferación nos últimos días deste tipo de festas o Goberno municipal entende que deben regularse os horarios, especialmente das festas con música, para para garantir o descanso da veciñanza entre as que se atopan persoas enfermas, traballadores por turnos e veciños e veciñas en xeral e por solidariedade con eles”.
Así, o executivo local informa que, desde esta semana, as celebracións en balcóns e terrazas só poden celebrarse de segunda feira a domingo entre as 20 horas e as 20.30 horas, ademais dunha hora adicional os domingos, desde as 15 horas ás 16 horas.
Con todo, asegura o executivo local nun comunicado, seguirá analizando a situación co paso dos días para adaptar estas medidas en función da evolución do confinamento e das propostas lúdicas que se queiran levar a cabo.
Noutras localidades, a falta de bandos municipais específicos, é a propia veciñanza quen marca os horarios, e no seu canto, a Policía Local, a raíz das queixas dalgunhas persoas con problemas de saúde ou de descanso.