VÍDEO | Rueda, un 'cameo' de Raxoi e unha gralla ortográfica. Eis o peculiar video do PP galego para desexar un bo Nadal

No vídeo tamén 'actúan' a secretaria xeral do PP galego, Paula Prado; o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo; a vicepresidenta primeira da Xunta, Elena Candia; o delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfondo Rueda no video do PP (Foto: PP).
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfondo Rueda no video do PP (Foto: PP).

Os desexos de bo Nadal poden ser feitos de diversas maneiras e con diferentes formatos. Sen dúbida, o Partido Popular da Galiza decidiu facelo dunha maneira un tanto 'peculiar'. 

Trátase dun vídeo no cal se pode ver o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, subido nunha moto percorrendo diferentes puntos país mentres desexa un bo Nadal e "recolle os desexos da cidadanía".

"Vai sobre 'Ruedas'"

No vídeo hai espazo para un 'cameo' do ex presidente do Goberno estatal, Mariano Raxoi, quen en galego combinado cun xogo de palabras en castelán se dirixe ao titular da Xunta: "Ata logo! Vai sobre 'ruedas'!".

Os populares subliñan que as referencias a Raxoi, quen detén a súa camiñada e dirixe unhas palabras a Rueda, e a Feixoo, pretenden transmitir o "seu orgullo polo seu pasado, presente e futuro".

Feixoo e unha gralla ortográfica

O vídeo inicia cun intercambio de 'WhatsApps' de Rueda e o seu antecesor e actual líder do PP español, Alberto Núñez Feixoo.

Na conversa, pode lerse como a primeira mensaxe é de Feixoo e di o seguinte: "Que tal por ahí?'. Unha pregunta que contén unha gralla ortográfica, pois a conversa é en galego e 'ahí', non existe en dita lingua.

No seguinte intercambio de mensaxes pode verse como Rueda lle contesta "Non me podo queixar!" para, finalmente, Feixoo finaliza escribindo "Este ano tócache a ti".

A 'foto de familia'

No vídeo tamén 'actúan' a secretaria xeral do PP galego, Paula Prado; o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo; a vicepresidenta primeira da Xunta, Elena Candia; o delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

Paula Prado, Luis López, Manuel Baltar, Alfonso Rueda, Diego Calvo e Elena Candia (Foto: PP).
Paula Prado, Luis López, Manuel Baltar, Alfonso Rueda, Diego Calvo e Elena Candia (Foto: PP).

Todos eles (con árbore e xersei do Nadal incluídos), xunto con Rueda e en nome do PP da Galiza, desexan un bo Nadal e un próspero ano 2023.

Comentarios