Denuncian unha "trama" de contratos "a dedo" na Deputación de Ourense

O PSdeG pedirá "a adecuación á legalidade" en relación aos contratos realizados pola Deputación de Ourense.
Rafael Rodríguez Villarino, no medio, presentando os datos das contratación da Deputación de Ourense (Foto: Nós Diario).
photo_camera Rafael Rodríguez Villarino, no medio, presentando os datos das contratación da Deputación de Ourense (Foto: Nós Diario).

O PSOE de Ourense denunciou esta cuarta feira a existencia dunha suposta "trama millonaria" de contratos irregulares "a dedo" na Deputación ourensá, e acusou ao seu presidente, Manuel Baltar, de "ignorar as severas advertencias do Consello de Contas" neste asunto.

En concreto, aseguraron que tan só cinco empresas acumularon o 65% dos contratos menores adxudicados na institución, "o que supón máis de 9 millóns de euros dos 14,8 millóns adxudicados" nos anos 2020, 2021 e neste 2022.

"É absolutamente escandaloso", subliñaron desde a formación socialista, trasladando que implica que, dos 425 contratos menores tramitados, 262 "foron a parar sen concurso a algunhas destas empresas: Manuel Viso e fillos, Camiños de Ourense, Coviastec, Explotacións Medioambientais e Cruzval". 

Situación "sospeitosa"

O portavoz, Rafael Rodríguez Villarino, describiu como "sospeitoso" o feito de que cheguen advertencias, "mais non se faga nada", considerando que "a situación fai temer que haxa algo máis".

Por todo iso, adiantou que defenderán unha iniciativa no pleno deste novembro coa que pedirán a "adecuación á legalidade" e "procedementos abertos" que proporcionen oportunidades ás empresas e dean maior rédito á administración pública. 

Ademais, aseguraron que se reservan outras accións legais, porque "ten que haber absoluta transparencia entre os acordos das empresas e a administración pública".

Así, Villarino insistiu en que están "estudando vínculos", porque cren que "ten que existir algún para que Baltar actúe deste xeito".

Para o viceportavoz socialista, Nacho Gómez, a situación é un "escándalo absoluto" por realizarse un "fraccionamentos de contratos para unha mesma obra, o que supón unha fraude de lei".

Comentarios