Unha das maiores trasladadas á residencia de tempo libre que a Xunta ten no lugar de Patos, en Nigrán, habilitada para acoller residentes xeriátricas que non estivesen afectadas polo coronavirus, deu positivo.Segundo confirmaron fontes de Sanidade e de Política Social, trátase dunha muller que fora trasladada a Nigrán desde a residencia DomusVi do Barreiro, en Vigo.
A Residencia de Tempo Libre abriuse o pasado 5 de abril para acoller as usuarias libres de coronavirus de dous centros xeriátricos intervidos pola administración, o DomusVi de Cangas e o DomusVi do barrio vigués do Barreiro.
Realoxadas
A Xunta trasladou 22 maiores, que antes da mudanza superaron tres probas diferentes para ratificar que non tiñan COVID-19. "Todos deron negativo, incluídos os traballadores", apuntaron desde Política Social.
Agora, desde a Administración galega confirman que unha das residentes reacollidas en Nigrán comezou a manifestar síntomas respiratorios nas últimas horas, polo que foi illada e sometida a unha nova proba, que deu positivo.
A muller foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro.