O presidente do TSXG asume que a planta de Altri é "susceptíbel" de acabar xudicializada
O presidente do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, asumiu que o proxecto industrial que a portuguesa Altri quere implantar en Palas de Rei é "suscepíbel" de acabar xudicializada.
Así o manifestou, nunha entrevista concedida este domingo á Cadena Ser, dado "o número alto de alegacións que hai" contra os trámites administrativos da propia planta. Con todo, para acabar nos tribunais, "primeiro ten que ser autorizado pola Xunta da Galiza", matizou a continuación.
Gómez y Díaz-Castroverde tamén dixo "entender" a preocupación do sector eólico e da Xunta polas paralizacións de parques -xa máis de medio cento-, pero explicou que son medidas cautelares "a expensas do resultado final" dos recursos presentados no Tribunal Supremo.
Xunto a isto, lembrou que se expuxo diversas cuestións ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, aínda que a través do "procedemento acelerado", o cal entende "positivo". "Demostra tamén que os que expuxeron esta cuestión fano coa sensibilidade suficiente de ser conscientes do problema que representa a petición", recalcou.
Defensa de Villares
Tamén foi preguntado Gómez y Díaz-Castroverde sobre as críticas vertidas desde a Xunta e o PP polo feito de que o exlíder de En Marea Luís Villares sexa un dos principais xuíces que asinan as resolucións que paralizan os proxectos eólicos.
O presidente do TSXG apoiou a competencia profesional "que ninguén pode cuestionar" de Villares e apuntou que leva "máis de catro anos fóra da vida política". "Canto tempo imos a estigmatizar a un maxistrado que estea nesta situación?", preguntouse, para seguidamente deslizar que hai "outros medios, como a recusación", para poder cuestionar o seu traballo durante o proceso.
Ademais, Gómez y Díaz-Castroverde rexeitou que se "deslexitimen as resolucións de todos os maxistrados que traballan" con Villares: "É algo completamente esaxerado e que non debe de asumirse".
Sobre a sentenza do xuízo do accidente ferroviario de Angrois, en Santiago, en xullo de 2013, tras a finalización do xuízo o ano pasado, non ofreceu un prazo para coñecela pero si deu por "seguro" que será antes de que termine o 2024. O presidente do TSXG dixo confiar "plenamente" na maxistrada María Elena Fernández Currás, polo que quere evitar que "pareza que a está presionando".
Renovación do CXPX
Noutra orde de asuntos, Gómez y Díaz-Castroverde celebra o pacto entre PP e PSOE para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) tras cinco anos de interinidade, unha situación "completamente disfuncional" e "preocupante" a nivel político e social.
"É unha anomalía democrática que se poida producir un bloqueo destas características durante tanto tempo", recalcou o presidente do TSXG, quen tamén asegurou que isto permitirá desbloquear outros asuntos "pendentes" na Galiza, entre eles a propia Presidencia do Tribunal Superior que el mesmo ocupa, que se renovará "en dous ou tres meses".
Así mesmo, en datas nas que se pon en dúbida o labor de xuíces e do fiscal xeral do Estado, Álvaro Ortiz, Gómez y Díaz-Castroverde considera "lexítima a crítica das institucións" e das "persoas que as representan", pero cre que ten "certos límites" como "o respecto".
Neste sentido, aínda que cre que "efectivamente determinados xuíces poden achegarse" á política, son "os que menos". En calquera caso, o titular do TSXG cre que as decisións xudiciais deben explicarse "suficientemente" para evitar que se cuestionen.
Sobrecarga en xulgados galegos
Por outra banda, Gómez y Díaz-Castroverde advirte que a pandemia e o aumento de litixiosidade ocorrido nos últimos anos aínda mantén congestionados os xulgados galegos, especialmente nas cidades.
"Sempre faltan medios", admitiu o presidente, quen insiste na petición de crear na Galiza até 12 órganos máis. Quizá "un dos máis necesarios" sexa un xulgado especializado en violencia contra a muller en Santiago que sexa de ámbito comarcal.
No entanto, o Ministerio de Xustiza xa trasladou aos tribunais superiores que a falta de Orzamentos Xerais do Estado este ano pode "complicar" a creación de novos órganos ou que, no seu caso, se cren os mesmos que o ano pasado, que foron tres.
En todo caso, móstrase confiado con que, se só hai tres, o de violencia contra a muller de Santiago será un deles.


