A organización ecoloxista Adega vén de coñecer que se atopa en fase de exposición pública para a súa avaliación ambiental un proxecto de ampliación da granxa de visón americano situada no Monte Xalo, na localidade de Carral. O proxecto, iniciativa da empresa Blomvis Spain, propón duplicar a súa capacidade de produción, pasando das 3.000 femias ás 6.500.
Ademais contaría con outros 700 machos para criar uns 32.500 visóns americanos de media ao ano, coa intención de abastecer á industria da peletaría.
"Consideramos que a tramitación deste tipo de proxecto está absolutamente fóra de lugar e resulta especialmente temerosa e irresponsábel por parte da Xunta nuns momentos nos que aínda nos atopamos inmersos nunha forte crise sanitaria", sinala Adega nun comunicado. Alertan de que "en pleno estado de alarma e sufrindo as consecuencias dunha pandemia mundial á que este tipo de instalacións poderían contribuír de maneira significativa, como xa constatou a comunidade científica internacional".
Focos do virus
Desde Adega apuntan que o Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades (ECDC) recoñece o papel que as granxas de visón americano teñen como reserva do virus e focos de alto risco de contaxio, debido a transmisión que se pode dar entre estes animais e as persoas, e viceversa, e á posibilidade de favorecer mutacións derivadas do SARS-CoV-2 e a expansión de novas cepas.
Por outra banda, afirman que todas aquelas autorizacións de novas granxas ou ampliacións de explotacións de visón americano que se outorgasen na Galiza a partir de marzo de 2016 poderían estar incorrendo nunha ilegalidade.
"A Xunta demostrou indiferenza diante das reiteradas reclamas de Adega e doutras organizacións ecoloxistas a prol do peche destas granxas", denuncian, "e está apostando por favorecer e agravar a crise sanitaria dando curso e alento ás solicitudes desta industria para ampliar as súas instalacións", engaden.
Por este motivo exixen que Medio Rural rexeite de plano a tramitación deste e doutros proxectos que soliciten tramitación "na procura dun maior asentamento na Galiza, ademais de decretar dunha vez por todas o feche definitivo de todas as instalacións".