O concello de Muras acollerá este domingo, 25 de setembro, a XXXIV Feira do Poldro e do Gando do Monte, na que colaborará a área de Medio Rural da Deputación de Lugo, e que “promociona a tradición gandeira” no Xistral.
Precisamente, esta cuarta feira a presentación do programa, na que participaron a deputada provincial Mónica Freire; o alcalde de Muras, Manuel Requeixo; o tenente de alcalde murés, Mario Rouco; Isabel Casariego, de Cabalos de Pura Raza Galega (Puraga) e Benigno Gómez, presidente de Atila Amigos dos Cabalo.
O rexedor de Muras salientou a variedade do programa que suma “ao mercado de compra e venda de gando cabalar e vacún diferentes actividades e espectáculos para divertir e entreter a todas as persoas que non teñan un interese directo na gandaría”. Ademais, avanzou que o Goberno local traballa en que este evento sexa distinguido como Feira de Interese Turístico Nacional.
Neste sentido, Requeixo agradeceu “ás gandeiras e gandeiros que se implicaron na feira ao longo dos anos, que son parte fundamental de que hoxe poidamos falar dunha feira consolidada e de referencia na Galiza”.
Pola súa parte, Mónica Freire ratificou o apoio da Deputación á feira e valorou a súa “repercusión no ámbito económico e produtivo”, pero tamén “a oportunidade que supón para sensibilizar toda a sociedade, non só as persoas que viven e traballan no sector, sobre o valor ambiental, social e cultural da gandería e dos sistemas tradicionais de cría no monte”.
Programa da feira
A XXXIV Feira do Poldro e do Gando do Monte comezará este domingo ás 10 horas no Alto da Gañidoira (Muras). A primeira actividade que se levará a cabo será a cualificación do gando, que dará paso a unha exhibición de cantaría tradicional.
A continuación decorrerá un concurso morfolóxico a cargo de Puraga e unha exhibición de escultura de madeira con motoserra. A partir das 12 horas terán lugar diferentes actividades para o público infantil. Ademais, haberá unha degustación de hamburguesa ‘Gañidoira’ de carne de poldro 100% de raza autóctona.
Xa pola tarde, desenvolveranse varias carreiras de cabalos e a entrega de premios do concurso da Feira do Poldro e Gando do Monte, que premiará, entre outras categorías, “Mellor semental cabalar, Mellor egua, Mellor lote cabalar, Mellor cría cabalar do ano, Mellor semental bovino e Mellor vaca”.