Toda a fin de semana

Muras festexa o 30 aniversario da ‘Feira do Poldro e do Gando do Monte’

O concello de Muras celebra esta fin de semana a XXX Feira do Poldro cunha interesante, novidosa e diversa programación para gozar desde as crianzas até as e as persoas máis maiores. Esta sexta feira poderase degustar a carne de poldro na III Xornada gastronómica, observar os cabalos no Xistral o sábado 23 e o día 24 terán lugar diferentes actividades, exhibicións e competicións, ademais da entrega de premios.

Carreira de cabalos na XXIX Feira do Poldro [Foto: Concello de Muras]
photo_camera Carreira de cabalos na XXIX Feira do Poldro [Foto: Concello de Muras]

Xa a fin de semana previa á celebración –os días 15, 16 e 17 de setembro–, foron moitas as persoas que se achegaron até o concello de Muras para saborear a carne de poldro na III Xornada Gastronómica da Feira. Mais aquelas persoas que non puidesen ir naquela altura terán outra oportunidade esta fin de semana. A xente que deguste todas as tapas dos establecementos colaboradores –Café bar A Volta, Café bar Santi e PIcapán Casa Vituco–, entra a participar nun sorteo dunha entrada ao clube termal do Spa Attica 2 de Vilalba con comida ou cea –sortéanse tres packs–. Ademais, a degustación de tapas é de balde!

Potro galego ao albariño con fabiñas e cogomelos [Foto: Concello de Muras]

O sábado 23 de setembro o Concello de Muras e a Asociación de criadores de cabalos de raza galegaPuraga, dentro das actividades da XXX Feira do Poldro e do Gando do Monte, organizan un roteiro divulgativo que se coñece como ‘Observación dos cabalos no Xistral’. Esta actividade pretende a posta en valor da carne de poldro, a través dun roteiro no que os participantes poderán observar cabalos en liberdade e degustar a carne de poldro nos establecementos da zona, pois a pesar da súa calidade e sabor, é unha gran descoñecida para o público. Ademais de amosar o traballo das gandeiras e gandeiros na conservación da Serra do Xistral tal e como se coñece hoxe en día a través do coidado destes animais.

Ambas as partes organizan o roteiro co desexo de crear unha cultura de consumo de carne de poldro de calidade e co afán de establecer o Xistral como unha zona de referencia na crianza do poldro. Resaltan a vinculación da carne co seu sistema de cría, coa súa importancia medioambiental e cunha paisaxe natural humanizada na que o papel das gandeiras e dos gandeiros é fundamental na conservación dos seus valores naturais. O roteiro complementarase con xogos ecuestres e unhas olimpíadas rurais organizadas pola Asociación Atila, a partir das 18 horas e para rematar a xornada de sábado que mellor que uns petiscos con animación musical a partir das 20 horas.

poldro

E o día grande de feira chega o domingo 24 cunha ampla programación e novidades para celebrar os trinta anos da Feira do Poldro e do Gando do Monte. A partir das 10 da mañá abrirase a feira, na que desde as 11 da mañá e até á unha do mediodía terá lugar a cualificación do gando.

As crianzas poderán converterse en protagonistas sempre que queiran, durante todo o día, desde as 11 da mañá e até ás 2 do mediodía terán lugar diversas actividades infantís, entre as que destacan os paseos a cabalo que poderán desfrutar até as sete da tarde, a exhibición canina ou o obradoiro de disco que terán lugar entre as 11 e media da mañá e a unha do mediodía.

poldro

Ás doce do mediodía farase un recoñecemento aos ’30 anos de feira’, ademais durante o día poderá visitarse unha exposición fotográfica que leva por nome o aniversario da propia feira. O concello vai estar cheo de postos de artesanía e alimentación, e ambientarase coa exposición de razas autóctonas e de maquinaria.

Á hora de xantar, entre as doce e media e as dúas e media presentarase e poderá degustarse na carpa do Concello a ‘hamburguesa Gañidoira’. A xornada de tarde abrirase ás catro da tarde co concurso morfolóxico organizado por Puraga que inicia as competicións polos tan desexados premios que se xogan. A continuación, de cinco a seis, terá lugar a exhibición de andadura libre, tamén organizada por Purga; e de cinco e media a sete a carreira de cabalos organizada pola Asociación Atila porá fin ás competicións. A partir das sete da tarde coñeceranse as galardoadas e aos galardoados desta XXX Feira do Poldro que recibirán unha dotación económica de entre 75 e 300 euros en función de cada categoría. Esta fin de semana o concello de Muras invita á Feira! 

Comentarios