O colectivo xuvenil Moz@s pola abolición vén de facer un chamado á cidadanía para que boicotee "de maneira activa" os cartaces con publicidade da feira taurina da Coruña, que este ano volve finanzar pola porta de atrás o Concello da Coruña. Así as cousas, o goberno local pagará as accións promocionais empregando para as realizar espazos e instalacións de titularidade municipal como o Coliseo ou as taquillas da praza de Ourense.
Porén, a mocidade abolicionista entende que "non existe xustificación ningunha para encher as rúas de auténtico lixo taurino, de material que fai apoloxía da violencia ao amparo da suposta liberdade e do aspecto pseudocultural". E é que, segundo unha enquisa independente elaborada só co censo local pola empresa Obradoiro de Socioloxía, con máis de 30 anos de experiencia no sector, o 88% de coruñesas e coruñeses de 18 a 30 anos amosa un rexeitamento taxativo ao financiamento público de touradas e a celebración desta actividade na cidade. Malia os datos sociolóxicos, o PP "continua coa súa labor de apoloxía" e xa fica só na corporación municipal na súa defensa da tauromaquia.
Por tanto, chaman a mocidade a "impulsar unha rebeldía cívica" que varra dos espazos públicos a propaganda pro-taurina. O colectivo aproveita para denunciar que "aficionados ás touradas sabotearon e ameazaron durante os pasados meses os activistas da organización" namentres facían parte de campañas informativas sobre o uso de diñeiro público para subsidiar os festexos taurinos. Contra esta forma de financiamento haberá unha mobilización do domingo, día 4, ás 12h, con saída do Obelisco e finalización na praza de María Pita.