A Covid-19 segue deixando vítimas por toda Galiza en todo tipo de situacións. Malia que normalmente transcenden novas de falecementos nas residencias, tamén hai outros casos como o do deceso dun mariñeiro do pesqueiro ‘Sempre Antares’.
O seu corpo está a ser trasladado a Asturias, de onde era o tripulante. O falecemento deste home duns 50 anos polo virus foi rápido unha vez que foi requirida a evacuación cun helicóptero, pois o barco estaba no mar de regreso ao porto de Celeiro.
Finalmente, o equipo sanitario do hospital da Coruña xa non puido facer nada por salvar a súa vida.
No entanto, nos centros hospitalarios de Lugo e da Mariña hai tres compañeiros seus sendo atendidos polo contaxio.
O resto da tripulación, composta por 11 persoas máis, está en situación de corentena na casa. Este grupo está a agardar os resultados das probas PCR porque lles practicaron as probas nada máis pisar terra.
As primeiras informacións falan dunha convivencia de máis de dez días na que os sín-tomas do falecido empeoraron até que houbo que subministrarlle osíxeno a bordo da embarcación.
Ante este empeoramento, os compañeiros decidiron pedir axuda sanitaria e foi no Chuac onde se descubriu que padecía coronavirus.