Colectivos relacionados co marisqueo levan á Valedora do Pobo as "perdas millonarias" polo baleirado dos encoros
Colectivos relacionados coa actividade marisqueira nas rías da Arousa e de Muros-Noia pediron esta sexta feira o amparo da Valedora do Pobo ante a "pasividade" da Xunta e de Augas da Galiza no relativo ás perdas económicas ocasionadas ao sector por mor do baleirado dos encoros.
Máis dunha ducia de colectivos relacionados co marisqueo nas rías de Arousa e Muros-Noia presentaron esta sexta feira un escrito diante da Valedora do Pobo pedindo amparo polo “silencio administrativo” da Xunta e de Augas da Galiza ante as denuncias co sector polas “perdas millonarias” que cada ano “provocan os desencoros” nos bancos de marisco destas zonas. Os presidentes da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, e a da Ría de Muros-Noia, Rogelio Santos, afirmaron que levan “anos” dirixíndose ao Goberno galego para que “exerza as súas competencias” e regule cun protocolo os desencoros que as empresas hidroeléctricas realizan nas instalacións dos ríos Ulla e Umia.
Aos problemas ocasionados polos desencoros sen control súmase “a falta de saneamento e rexeneración” destas rías -as máis produtivas do país-, o que segundo Rubido levou o sector marisqueiro a “unha situación catastrófica”. No caso da ría de Arousa, o presidente da PDRA cifrou en 44,6 millóns de euros as perdas das mariscadoras nos últimos catro anos. No caso de Noia, a mortaldade de bivalvos provocada polos desencoros deixou “3 millóns de euros en perdas” en xaneiro pasado, e en todo 2024 ascenderon a 18 millóns de euros, apuntou a Nós Diario o patrón maior da Confraría, Santiago Cruz.
O sector denunciou, sen éxito, esta problemática ante Augas da Galiza en febreiro de 2023 e en outubro de 2024: “Non tivemos nin resposta nin ningunha medida para solucionar o problema”, dixo Rubido. Fronte a este “silencio administrativo”, os colectivos pediron esta sexta feira amparo á Valedora “porque se están conculcando os nosos dereitos como cidadáns”.
Protocolo de desencoros
Os representantes do sector lembraron que a Xunta “ten todas as competencias” para regular estes desencoros das empresas concesionarias dos aproveitamentos hidroeléctricos dos ríos galegos, para que “sexan respectuosos coa actividade marisqueira”. A falta deste protocolo provoca que cada ano, nas épocas de fortes choivas, haxa desencoros “sen ter en conta as previsións meteorolóxicas e as mareas baixas”. O sector pide que se regulen para realizarse “de forma progresiva” e tendo en conta as mareas.
O pasado mes, só na ría de Noia, un desencoro da presa do Tambre —xestionada por Naturgy— provocou na ría “cinco días de salinidade cero” que mataron 30% dos bivalvos, ante o que a Confraría de Mariscadores anunciou a interposición dunha demanda xudicial contra Naturgy polas perdas ocasionadas. Esta sexta feira Rogelio Santos advertiu de que nesta ría “se superan 100 veces os niveis de metais pesados” pola actividade da mina de San Finx. “A Xunta e Augas da Galiza fallan no seu cometido, e o resultado é a improdutividade dos bancos marisqueiros”, lamentou.
Esa “inacción” da Xunta “semella querer provocar que o sector dea perdas, que caduquen as concesións e así poder malvendelas ao sector da pesca industrial”, concluíu Xaquín Rubido.

