Crise marisqueira na ría de Noia: A Confraría anuncia unha querela contra Naturgy pola morte do marisco
A Confraría de Noia está preparando unha demanda xudicial contra Naturgy polas perdas que a produción marisqueira da ría de Muros e Noia leva sufrindo nos últimos anos pola actividade de aproveitamento hidroeléctrico da empresa no encoro do Tambre -tamén coñecido como Encoro Barrié de la Maza-, localizado nos concellos de Brión (comarca de Compostela) e Negreira (A Barcala). Santiago Cruz, patrón maior da confraría noiesa, explica a Nós Diario que o departamento xurídico da confraría está a preparar xa unha demanda xudicial contra Naturgy: “Non nos queda outra porque estamos abandonados”, di.
O equipo xurídico das mariscadoras de Muros e Noia está a documentar a demanda xudicial, que presentará en canto estea lista, avanza Santiago Cruz, e seguen a demandar un “protocolo de desencoros” á Xunta e a Augas de Galiza “para regular” os desencoramentos de forma que non afecten tan negativamente á actividade marisqueira.
Hai un ano que a Confraría de Noia mantivo unha reunión coa Consellaría do Mar e con responsábeis de Naturgy para solucionar este problema, pero Cruz asegura que transcorrido o tempo “non temos máis que boas palabras da Xunta e o egoísmo da empresa que segue a desencorar na baixamar e a matar o marisco”.
Nós Diario púxose en contacto con Naturgy para coñecer a súa opinión a respecto dos problemas pola ausencia dun protocolo de desencoro e o anuncio da demanda xudicial das mariscadoras da ría de Muros e Noia, desde a empresa enerxética limitáronse a responder que “non imos facer declaracións” sobre este asunto.
O Encoro do Tambre leva funcionando ininterrompidamente desde o 1 de xaneiro de 1958, actualmente a explotación hidroeléctrica deste encoro é de Naturgy. Non é dos maiores encoros da Galiza en canto a produción de electricidade, pero a súa proximidade coa ría de Muros Noia teno convertido nestes máis de 65 anos nun auténtico problema para a produción marisqueira desta ría. O encoro só ten un aliviadoiro, cunha comporta de dous metros de altura, con capacidade para desencorar 1.370 metros cúbicos de auga por segundo.
A infraestrutura é competencia da demarcación Galiza-Costa (dependente da Xunta da Galiza), por iso desde a confraría de Noia levan anos reclamando a Augas da Galiza que tome medidas e elabore un protocolo para que os desencoramentos de auga se fagan na preamar. “Teñen 16 horas para soltar ben a auga, e non o fan”, critica Santiago Cruz. A denuncia anunciada pola Confraría de Noia está avalada, segundo explicou Santiago Cruz a Nós Diario, por uns antecedentes de perdas provocadas pola desalinización da auga na ría por mor dos encoros que xa o ano pasado provocaron perdas de até 18 millóns de euros no sector e afectaron directamente as 1.500 familias que viven do marisqueo nesa ría. En 2024, segundo os datos da Confraría de Noia, só nesta ría a desalinización da auga provocada polos desencoros derivou en perdas ao sector de entre 18 e 20 millóns de euros. O ano pasado, explica o patrón maior, “perdemos 95% do berberecho, 90% da ameixa babosa e arredor de 50% da ameixa xapónica”.
O resultado provocado entre as borrascas e a actividade do aproveitamento hidroenerxético de Naturgy no río Tambre foi que “só puidemos traballar oito días en todo o ano”, denuncia o patrón maior. Mentres, as 1.500 familias que viven da actividade marisqueira na zona tiveron que seguir pagando os seus permisos de explotación e cotas de autónomos. “Algunha mortaldade sempre hai, con iso contamos, pero isto xa é inasumíbel”, di Cruz.
Logo de reunirse o ano pasado de novo coa Xunta e a empresa, os mariscadores da ría de Noia veñen de decidir que o acontecido nestes primeiros meses do ano xustifica que por primeira vez o sector acuda á vía xudicial para atopar unha solución ao problema, que levan anos arrastrando. No que vai de 2025, “morreron coas primeiras borrascas e desencoros 30% dos bivalvos, principalmente berberecho, e se isto se repite vai ir ao traste outra vez toda a campaña”, advirte Cruz.
Na confraría cifran xa en 3 millóns de euros as perdas deste ano e alertan de que “morreu moita cría e o 3 de marzo empeza a próxima campaña” e temen que aconteza o mesmo que o ano pasado.
Sen protoloco
Os encoros galegos teñen unha media de 50 anos, neste tempo, o sector pesqueiro e marisqueiro das rías afectadas directamente polos seus desencoros veñen reclamando tanto de Augas da Galiza como das empresas concesionarias a aprobación dun “protocolo” que regule a actividade hidroeléctrica axeitándoa ás mareas e necesidades do sector produtivo e extractivo.
No caso da ría de Muros e Noia, o patrón maior denuncia que o ano pasado “case morren dúas mariscadoras” nun destes episodios. Santiago Cruz relatou a Nós Diario que hai casos en que estes desencoros de auga “fan subir un metro o nivel en determinadas zonas e ninguén nos avisa”. As mariscadoras desta ría “traballan coa auga á cintura”, explica Cruz, e “subiu tanto nunha baixamar que tivo que ir unha lancha a rescatalas”.
O pasado mes de xaneiro un tren de borrascas atravesou Galiza. Foron as primeiras grandes choivas deste 2025 e na ría de Muros e Noia temían o peor, o que finalmente aconteceu, co aviso 24 horas antes de Meteogaliza de precipitacións de 100 litros por metro cadrado, Santiago Cruz comprobou un día antes no encoro do Tambre que “tiña o nivel no tope, en 147 metros”, critica Cruz que na empresa “sabían como nós que viñan as borrascas ao día seguinte e non aproveitaron para aliviar na baixamar”.
O resultado foi que as precipitacións remataron de encher o encoro “e como non eliminaron auga o día anterior despois tiveron que soltar catro veces a capacidade da presa”. O resultado foi un desencoro de agua doce en plena baixamar que, segundo explica o patrón maior, provocou “cinco días de salinidade cero” o que implicou a mortandade de entre 25 e 30% dos bivalvos na ría de Muros e Noia.
5.000 kg de marisco morto
As borrascas que azoutaron Galiza na última semana de xaneiro e a falta de control no baleirado do encoro do Tambre deixaron estragos para o sector marisqueiro da Confraría de Noia, cunha gran cantidade de produto morto pola baixa salinidade nos bancos marisqueiros. As profesionais tiveron que acudir ás praias para retirar o marisco arrastrado pola preamar que estaba morto, do que recolleron máis de 5.000 kg, e devolver ao mar o que aínda estaba vivo, uns 2.500 kg. Tamén na ría de Arousa sofren o mesmo problema, neste caso co encoro de Portodemouros -que explota Naturgy-, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa presentou en xaneiro unhas cifras de produción de bivalvos e vendas en lonxa do pasado ano cun descenso medio de 70% da produción nas distintas especies, parte atribuíbel á actividade do encoro, sinalan.


