A Confraría de Noia retira 5.000 quilos de marisco morto tras baixar a salinidade: o pósito exixe controlar o baleirado dos encoros

O efecto dos temporais e do baleirado do encoro do Tambre volve afectar o bivalvo nos bancos marisqueiros da Confraría de Noia, causando unha importante mortalidade. Ademais, esta situación chega tras dúas campañas con malos datos de capturas e de facturación.
Marisco morto recollido pola Confraría de Noia esta semana. (Foto: Confraría de Noia)
Marisco morto recollido pola Confraría de Noia esta semana. (Foto: Confraría de Noia)

As borrascas que azoutaron Galiza a última semana e a falta de control no baleirado do encoro do Tambre deixaron estragos para o sector marisqueiro da Confraría de Noia, cunha gran cantidade de produto morto pola baixa salinidade nos bancos marisqueiros.

Por isto, as profesionais tiveron que acudir ás praias para retirar o marisco arrastrado pola preamar que estaba morto, do que xa recolleron 5.000 quilos, e devolver ao mar o que aínda estaba vivo, uns 2.500 quilos máis. O patrón maior da confraría, Santiago Cruz, estima que a mortalidade podería alcanzar 25%.

En declaracións a Nós Diario, a bióloga do pósito, Liliana Solís, explica que "a baixada de salinidade comezou o día 24, estando o nivel en cero desde o día 26 até o 30", e que "o mar de fondo e o vento arrastraron o bivalvo, polo que houbo que ir á praia para recollelo ou devólvelo ao mar".

Liliana Solís, bióloga da Confraría de Noia: "No baleirado do encoro non se ten en conta a actividade económica do marisqueo"

"Ao longo destes días avaliaremos a situación, como de importante foi a mortalidade, e os cabidos están facendo un primeiro exame dos bancos marisqueiros de a flote", sinala. Porén, di, "haberá que esperar para ver os danos". O comezo da nova campaña está previsto para o 3 de marzo, polo que os danos destes temporais e do baleirado dos encoros, así como o que aconteza en febreiro, terá moita importancia para o devir da produción. 

Solís destaca que se realizou o baleirado do encoro en baixamar. "O sentido común dinos que a afectación é moi diferente de abrirse as comportas en preamar, mais necesitamos unha avaliación do impacto ambiental da presa", sentenza. "Non teñen máis obriga que cumprir o protocolo de seguridade do encoro [Naturgy], non se lles exixe nada máis, e coa especulación que hai coa enerxía non se ten en conta a actividade económica tan importante que temos", conclúe.

Sobre a nova campaña, o presidente da Agrupación de Marisqueo a Pé de Noia, Francisco Pérez, sinala a este xornal que a intención é que dure até Semana Santa, cando esperan que aumente a cotización do bivalvo. "Todo vai depender do marisco que haxa na praia e dos prezos", engade. "Até a chegada destes temporais non morreu nada de marisco, mais estes días vémonos na obriga de ir recuperar o que trouxo a terra o mar", láiase.

Francisco Pérez, presidente da Agrupación de Marisqueo a Pé de Noia: "Levamos dous anos con campañas moi cativas e debemos coidar os bancos"

"A pasada campaña foi moi cativa, as cotas foron pequenas e os prezos non axudaron nada, agás en decembro, cando houbo unha repunta, sobre todo da ameixa, e subimos as cotas. Non temos unha expectativa moi alta na volta e as cotas seguirán sendo pequenos, mais confiamos na mellora da cotización en Semana Santa", acrecenta. "Temos que traballar a praia, levamos dous anos con campañas moi cativas e hai que coidar os bancos marisqueiros", conclúe Pérez.

Dous anos de crise

Os datos de capturas e facturación no portal de Pesca da Galiza nos dous últimos anos mostran que a Confraría de Noia atravesa un período de crise. Aínda que en 2024 houbo unha repunta da produción e das vendas en lonxa con respecto ao ano anterior, tanto as capturas como a facturación continúan moi por baixo das cifras alcanzadas nas campañas anteriores. Así, as apenas 500 toneladas e os menos de 4,5 millóns de euros do pasado exercicio seguen deixando o sector marisqueiro nunha situación de incerteza sobre o futuro.

Neste sentido, a Confraría de Noia tivo unha produción de 517,5 toneladas –entre todas as especies– e unha facturación de case 4,47 millóns de euros en 2024, o que supuxo un incremento importante con respecto ás 11,6 toneladas e aos algo máis de 1,3 millóns de euros de 2023.Con todo, nesta comparación cómpre ter en conta que a de 2023 foi a peor campaña da historia do pósito desde que existen datos –a serie comeza en 1997–. Así, o pasado foi o terceiro peor exercicio en capturas –só por detrás dos de 2001 e de 2023–.

A cantidade de produto recollido en 2024 pola confraría ficou en menos da terceira parte da media da última década, pois esta foi entre 2015 e 2024 de máis de 1.700 toneladas, mentres que en termos de facturación, a media dos últimos 10 anos alcanzou case 12,3 millóns de euros, polo que a comparanza das vendas tamén reflicte a mala campaña de 2024 (-63,7%).

2023 foi a peor campaña do pósito de toda a serie histórica, a cal comeza en 1997

Ademais, ningunha das campañas dos últimos 10 anos –menos 2023 e 2024– tivera unhas capturas de menos de 1.000 toneladas nin unhas vendas por baixo dos 8 millóns de euros. De feito, no peor exercicio da última década –sen 2023 e 2024–, o de 2016, alcanzouse unha produción de case 1.300 toneladas, superando amplamente o dobre da do ano pasado, e unha facturación de máis de 8,2 millóns de euros, case o dobre que en 2024.

A pesar de todo, o Berberecho de Noia segue sendo o líder

Fonte: Pesca da Galiza / Gráfico: Nós Diarrio
Fonte: Pesca da Galiza / Gráfico: Nós Diario

A pesar dos malos datos da última anualidade, a importancia do bivalvo en Noia pódese comprender ao comparar os seus datos cos do resto de confrarías da Galiza, especialmente os do berberecho, o produto estrela do marisqueo do pósito noiés. En 2024, sendo o segundo peor ano da última década, a Confraría de Noia acumulou case 65% das capturas de berberecho de toda a Galiza e até 51% da facturación total a nivel galego derivada desta especie de molusco.

As capturas de berberecho de Noia representan 65% das galegas

A economía de toda unha comarca en xogo

Ademais, a propia distribución das capturas e das vendas do exercicio pasado dentro da propia confraría destacan a importancia do marisco bivalvo no pósito noiés, xa que representan a práctica totalidade, por encima de 99% nos dous casos. Dentro dos bivalvos, o berberecho, que ten o seu propio selo –Berberecho de Noia–, con máis de 56% das capturas e máis dun terzo da facturación, destácase como o principal produto. Neste contexto, a recuperación –ou non– da produción de berberecho en concreto e de bivalvo en xeral preséntase como un factor determinante para o futuro do sector marisqueiro deste pósito, e, en consecuencia, para a economía de Noia e de toda a súa comarca, que depende deste recurso.

Fonte: Pesca da Galiza / Gráfico: Nós Diario
Fonte: Pesca da Galiza / Gráfico: Nós Diario

Comentarios