Fin de semana de mobilizacións na Galiza en solidariedade con Palestina
A Toxa, Vigo e Compostela acollerán actos de protesta contra o xenocidio en Gaza e o secuestro da Global Sumud Flotilla, coincidindo coa presenza do ex primeiro ministro Ehud Olmert no 'Foro La Toja'.
O país encárase a unha fin de semana intensa de solidariedade internacionalista. Este sábado e domingo celébranse diferentes mobilizacións en Galiza en apoio ao pobo palestino e contra a ocupación israelí, no marco dunha vaga de protestas que percorre Europa tras o asalto do Exercito de Israel á Global Sumud Flotilla e o secuestro dos seus integrantes.
Na illa da Toxa, no Grove (O Salnés) colectivos sociais convocan este sábado ás 10.30 horas, desde a rúa Castelao, unha marcha de protesta contra a presenza no 'Foro La Toja' do ex primeiro ministro de Israel Ehud Olmert, responsábel da operación Chumbo Fundido, que provocou centos de mortes en Gaza en 2008-2009 após 22 días consecutivos de bombardeos. A mobilización coincide coa protesta organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística contra a deturpación do topónimo na nomenclatura do foro de debate.
Tamén este sábado, Vigo acollerá unha manifestación convocada por diferentes colectivos baixo o lema "Paremos o xenocidio, Vigo con Palestina". A marcha sairá ás 12 horas da confluencia entre Vía Norte e Urzáiz e percorrerá o centro da cidade.
2 anos de xenocidio, 77 anos de ocupación
O domingo será a quenda da capital galega, coa manifestación nacional que partirá ás 12 horas da alameda da capital galega, que pretende encher a praza do Obradoiro nunha mostra masiva de apoio a Palestina. A convocatoria chama a sumar forzas para exixir o fin do xenocidio e reclamar a apertura inmediata dun corredor humanitario.
Estas mobilizacións chegan despois das concentracións multitudinarias da quinta feira, cando milleiros de persoas saíron ás rúas en diversas localidades galegas para denunciar o secuestro das máis de 400 activistas da Global Sumud Flotilla, trasladadas a unha prisión no deserto de Naqab tras seren interceptadas en augas internacionais.
Desde a Coordenadora galega de solidariedade con Palestina, convocante da marcha, lembran que a presión social e diplomática é fundamental para forzar a liberación das persoas detidas e para denunciar o bloqueo e a ocupación de Gaza, que cualifican de ilegal e inhumana.

