O proxecto para crear un parque eólico na Serra do Eixe, na contorna de Pena Trevinca e do Macizo Central Galego, leva un non rotundo da Federación Ecoloxista Galega, que na fase de consultas inicial remitiu ao Goberno do Estado español un informe negativo no que destaca a advertencia de que se podería eliminar unha fauna e flora que, segundo a Unión Europea, cómpre protexer.
En concreto, a entidade dirixiuse á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Cambio Climático, para alertar de que a construción do parque implicaría “graves impactos”.
Neste sentido, no documento destaca que a zona posúe “valores naturais que se deben conservar”, pero tamén fala de que hai potencial para un desenvolvemento sostíbel.
De feito, as e os ecoloxistas lembran que preto do espazo que se querería aproveitar “xa existen instalacións hidroeléctricas a producir electricidade”. Neste sentido, insisten en que na documentación que se presentou para o proxecto nada “xustifica as necesidades enerxéticas”.
“Se ben é certo que é necesario transitar cara unha produción de enerxía que non incremente os niveis de gases de invernadoiro, esta transición non se pode realizar a costa de danar irreversíbelmente a biodiversidade nin os recursos que manteñen as poboacións rurais”, subliña a federación nun comunicado.
Un dos puntos destacados do informe negativo remitido ao ministerio porque na área decorre a transición do clima atlántico e o mediterráneo e hai plantas, animais e hábitats especiais “que as directivas comunitarias obrigan a protexer”.
A maiores, alértase de que unha instalación eólica derivaría na destrución de solos pobres “pouco desenvoltos polas dificultades de evolución, pero que, precisamente por isto, é necesario conservar”. Con 31 xeradores hai que sumar o impacto na paisaxe.