O Concello de Vilar de Barrio, primeira institución en rexeitar de forma pública o parque eólico impulsado polo Goberno de Noruega

O alcalde do municipio, Manuel Conde, advirte de que a corporación non rexeita "o progreso e as enerxías limpas". No entanto, entende que o proxecto que achegou o Goberno noruego ao Ministerio de Transición Ecolóxica é moi agresivo co medio natural da serra de San Mamede. O rexedor contactará cos seus homólogos das localidades afectadas polo plan para instalar os eólicos a fin de intentar estabelecer unha forza común en contra da proposta.
Imaxe de arquivo da Serra de San Mamede. (Foto: Turismo da Galiza)
photo_camera Imaxe de arquivo da Serra de San Mamede. (Foto: Turismo da Galiza)

O Concello de Vilar de Barrio manifestouse esta terza feira totalmente en contra da creación dun parque eólico na serra de San Mamede -que afectaría ao espazo natural en varios municipios- por parte dunha empresa pública noruega. O alcalde, Manuel Conde, explicou en declaracións a Nós Diario que na vila considéranse "defensores do medio natural e das enerxías limpas, pero non todo vale en todos os sitios". Dáse a circunstancia de que é unha das escasas veces que unha Administración pública, neste caso a nivel municipal (que son as que acostuman a dar o paso), rexeita publicamente a instalación dos eólicos.

A través dunha nota de prensa explicaron que para facer a declaración analizaron a documentación que presentou a multinacional e que está dispoñíbel na sede electrónica do Ministerio para a Transición Ecolóxica. O parque eólico de Rebordechao afectaría, tal e como é o plan da compañía, a Vilar de Barrio, máis tamén a Nogueira de Ramuín, Xunqueira de Espadañedo, Montederramo, Maceda, Laza, Castrelo do Val, Verín, Monterrei e Cualedro.

Mais no que afecta a Vilar de Barrio, a corporación entende que a serra "ten un valor incalculábel desde o punto de vista ecolóxico, medioambiental e social" e que calquera actuación debería respectar esas vertentes.

Dúas negativas

"O proxecto referido non conta nin co respaldo da Xunta de Montes en Man Común de Rebordechao -propietarios dos terreos- nin co aval do Concello", insisten, polo que hai tempo, cando representantes da empresa visitaran a localidade xa lles deixaron claro que "instalacións coa densidade e ubicación propostas conformas unha agresión medioambiental que rexeitamos".

Así, entenden que calquera proxecto, de enerxía eólica ou outro, ten que respectar o medio ambiente e contar co consenso das comuneiras, así como implicar un beneficio para o entorno. A este respecto, Conde lembra que malia que Vilar de Barrio é considerado da comarca da Limia, a realidade é que "o 70% do territorio está no macizo central", é dicir, en San Mamede.

En consecuencia, o rexedor comenta a Nós Diario que "calquera actuación ten que incidir no propio Concello". Por exemplo, destaca que unha "produción forestal importante axudaría ao Concello a ir cara arriba".

"Nós considerámonos defensores do medio natural, defendemos as enerxías limpas como a eólica pero non todo vale en todos os sitios", subliña o representante, se ben habería que buscar "os sitios máis idóneos" e o proxecto do Parque Eólico de Rebordechao implicaría "destruír o medio", pois mesmo afectaría á Fonte do Santo, na área na que ten o nacemento o río Arnoia.

Desde o municipio lembran que a empresa noruega xa pasou por alí en agosto pero nin houbo acordo coas propietarias do monte nin apoio do Concello, e a pesar de que non hai un proxecto en firme presentado, temen que haxa un interese en obviar esas consideracións se logran que o Goberno do Estado español declare a instalación de "utilidade pública", porque aí non poderían facer nada.

No caso de que a iniciativa siga adiante, entenden que habería que negociar e conseguir uns alugueiros para as e os propietarios "en función da produción" e tamén rendibilidade para todas as partes, cunha parte que "quede na zona". No entanto, esta posición que acadou un acordo unánime na localidade tamén podería ser máis ampla, pois o Goberno local ten previsto contactar con outras Alcaldías de concellos afectados para solicitar a súa posición e, no caso de que sexa negativa á proposta actual, facer unha forza opositora conxunta.

Unha demanda pendente

Conde aproveita para lembrar á Xunta que xa no mes de novembro acadaron o compromiso de facer un plan director para a serra avaliando distintas actuacións co obxectivo principal de reducir a incidencia dos lumes forestais na zona.

Neste sentido, o rexedor insiste na necesidade de que se faga un "perímetro e se limpen os camiños tradicionais" que dan paso á parroquia de Rebordechao, afectada polos incendios presuntamente provocados do ano pasado.

Así mesmo, lamenta que tendo un 70% da localidade en superficie de monte sexan o único concello da zona que non ten á súa disposición "dun tractor-desbrozadora".

Comentarios