Opinión

Pandemia eólica

Se subimos ao Monte Seixo, en Cerdedo, veremos centos de muíños de vento que se estenden polos cumios dos montes galegos de norte a sur e de leste a oeste. 

Estes aparellos instálanse en zonas de gran valor ecolóxico e paisaxístico, sen importar o impacto, e contan sempre co visto bo e a colaboración do Goberno autonómico.

Pode parecer que a eólica é unha enerxía limpa, verde, sen contaminación. Mais a realidade é que o modelo de implantación na Galiza está sendo desastroso para o medio natural pola afectación á flora e á fauna, impide o aproveitamento forestal do monte e provoca un enorme impacto visual.

A maiores destes impactos, o proceso de construción supón un gran movemento de terras, desmontes e apertura de pistas para os camións de gran tonelaxe, a edificación de subestacións, liñas de evacuación etc.

Quen se beneficia?

A grandes grupos empresariais como Iberdrola, Accina, Naturgy, Endesa e EDP; as mesmas empresas que saquean os nosos petos cos recibos da electricidade co visto e prace dos gobernos, sexan dunha cor ou doutra. 

Entón de que se trata? De producir enerxía barata para beneficiármonos os galegos e galegas? Non. Estas grandes empresas, fundamentalmente de capital estranxeiro, non buscan o noso beneficio, nin mellorar a nosa calidade de vida, só queren incrementar a súa conta de resultados á custa do noso monte e do noso vento.

Unha vez feito o investimento inicial os custes son moi pequenos, o mantemento faise cuns postos de traballo mínimos e o control do funcionamento dos parques é desde Madrid.

Non producen riqueza onde se instalan e tampouco, por moita propaganda que vaian dicindo, crían emprego.

Galiza sofre un modelo colonial. Produce enerxía barata, fundamentalmente para Madrid, a única zona do estado que non xera ningún KW, exporta man de obra e produce materias primas baratas. Do mesmo xeito o deseño das nosas infraestruturas de comunicación está feito mirando para o centro do “reino”, non para articular Galiza.

Quen dá cobertura política?

Para que estas empresas poidan actuar deste xeito teñen que ter un marco lexislativo que lles permita facelo.

Desde a época de Fraga, o PP lexislou para favorecer a implantación da enerxía eólica na Galiza e facilitou a especulación mediante a compra e venda de parques eólicos. 

Permitiron e permiten a fragmentación dos parques para facilitar a súa tramitación, evitando deste xeito unha avaliación completa dos proxectos sobre o medio, nun exercicio masivo de fraude de lei. 

E hoxe o PP dá un paso máis coa Lei de Reactivación Económica, deixando en mas desas mesmas empresas facer e desfacer no monte galego. Estamos ante unha lei da selva que pon Galiza ao servizo da explotación salvaxe dos seus recursos.

Galiza padece hoxe dúas pandemias medioambientais, a dos eucaliptos e a dos parques eólicos.

Comentarios