A Consellaría de Medio Rural da Xunta da Galiza comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a detección dun exemplar de gaivota afectada pola gripe aviaria no Concello de Vigo.
O animal, segundo indicou o Goberno galego, presentaba sintomatoloxía nerviosa e foi trasladado ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade.
Alí extraéronse mostras e finalmente eliminouse o cadáver de acordo coos procedementos autorizados.
25 casos totais
Con este novo foco son xa 25 en total os casos notificados na Galiza en aves silvestres.
A nivel estatal, continúan aparecendo máis animais infectados, tanto aves migratorias como residentes e pertencentes a distintos hábitats e familias.
Este ano, un total de 13 das 17 Comunidades Autónomas notificaron algún caso de gripe aviaria en aves silvestres das que o mascato continúa sendo a especie máis frecuente.
Os mascatos
Os exemplares adultos de mascato pesan entre 3 e 4 quilos. O corpo mide entre 87 e 100 centímetros de lonxitude e teñen unha envergadura de ás de 165 a 180 centímetros.
As ás, longas e estreitas, miden entre 47 e 53 centímetros e o peteiro de 9 a 11 (medido desde a testa). O tamaño dos dous sexos é semellante.