A Xunta enterra o parque eólico Albariño I... Mais avanzan outros proxectos na serra da Groba

O parque Albariño I é arquivado após recibir en setembro unha DIA desfavorábel. Porén, un ano antes o propio Goberno galego declarárao "iniciativa empresarial prioritaria" e de "interese autonómico".
#eólico #eólica #eólicos #aeroxerador #muíño #turbina (Foto: Nós Diario)
photo_camera Avanzan na tramitación os parques eólicos O Rosal, Toroña e Torroña I. (Foto: Nós Diario)

Unha trintena de proxectos eólicos autorizados por volta de só dous rexeitados é o balance da Consellaría de Medio Ambiente no que vai de ano. Os únicos parques que recibiron unha declaración de impacto ambiental (DIA) desfavorábel eran os situados na serra da Groba, Albariño I e O Merendón, nos termos municipais de Baiona, Oia, O Rosal e Tomiño.

O primeiro deles foi declarado "non viábel" ambientalmente a comezos de setembro. Agora, tal e como recolle esta segunda feira o Diario Oficial da Galiza (DOG), o Goberno de Alfonso Rueda vén de soterrar a proposta de Ceólica Hispania S.L.U. (Acciona) de forma definitiva.

Nunha resolución datada do 11 de novembro, a dirección xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais acorda denegar a autorización administrativa previa e de construción destas instalacións, así como arquivar o seu expediente. Esta medida, porén, non é definitiva perante a vía administrativa, pois a empresa poderá presentar un recurso de alzada no prazo dun mes.

Mais este rexeitamento do proxecto, que prevía situar seis aeroxeradores —cunha potencia total instalada de 25,3 megawatts (MW)— na contorna do Alto da Groba, chega un ano despois de que o propio Goberno galego acordase declaralo "iniciativa empresarial prioritaria" e de "interese autonómico", o que permitía simplificar e acelerar os trámites.

Trátase dun parque eólico que iniciou os trámites hai xa case dúas décadas, en 2006, daquela da man de Eurovento S.L. e coa previsión de instalar 21 muíños cunha potencia de 48 MW. En 2012 obtivo a DIA favorábel, mais co proxecto modificado: once aeroxeradores e 25,3 MW.

Porén, Albariño I non é o único proxecto que axexa a serra da Groba. Alén do parque O Merendón, que a finais do pasado outubro foi tamén informado negativamente por Medio Ambiente, avanzan na tramitación outros tres parques: Toroña, Torroña I, O Rosal.

O primeiro destes tres proxectos citados, Toroña, foi sometido a información pública no DOG este 12 de decembro, e constaría de dez turbinas eólicas e unha potencia de 47 MW que se emprazarían na contorna deste mesmo espazo natural. A empresa promotora é Lan2030 Toroña S.L. e prevé un investimento de 38,2 millóns de euros.

Comentarios