Funcionarias e funcionarios da Administración galega veñen de presentar unha denuncia contra a Xunta por incumprir a lexislación en materia de riscos laborais. Desde a CIG-Administración Autonómica aseguran que o Goberno de Alberto Núñez Feixoo non subministrou máscaras de tipo FFP2 aos cadros de persoal de centros de maiores e escolas infantís.
O problema é, din, que a autoridade laboral obriga a usar este tipo de elementos no posto de traballo.
A central sindical fai especial fincapé nos centros de día, xeriátricos e escolas que dependen do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e da Axencia Galega de Servizos Sociais. Así mesmo, alude a aqueles centros residenciais que xestiona de forma directa a Consellaría de Política Social. Nin as crianzas de cero a tres anos nin as persoas dependentes (nalgúns momentos) levan este tipo de protección.
Polo tanto considérase que é preciso que as e os operarios si conten con estes equipos de protección individual.
“Xa en agosto denunciouse ante a dirección territorial de Galiza da Inspección de Traballo e Seguridade Social, entre outras cuestións, a falta de equipos de protección individual de protección respiratoria para o cadro de persoal de escolas infantís porque os nenos e as nenas non levan máscaras e, evidentemente, non se pode manter a distancia de seguridade”, inciden desde a entidade, a modo de exemplo.
A representación das e dos empregados públicos comenta que “a autoridade laboral, despois de realizar as dilixencias oportunas e requirir a protección respiratoria do persoal mediante as máscaras FFP2, manifestou que a administración xa lle comunicara a súa decisión de non proceder a subministrar estes EPI para as escolas infantís e os centros de maiores”.
Segundo critican, encargou un informe ao comité clínico para resaltar que “non é necesario usar máscaras FFP2” nos servizos citados, algo que non comparte a CIG, que pon en dúbida a honestidade do grupo de expertas que apoian á Xunta como xa se fixera desde outros ámbitos. Por iso tramitou a denuncia oficialmente.