De «invisíbel» cualifican desde Defende a Galega o debate emitido pola TVG a sexta feira 8 de novembro onde participaron candidatas e candidatos que se apresentan polas circunscricións galegas á eleccións xerais do 10-N.
O colectivo de traballadoras e traballadores en defensa da CRTVG, Defende a Galega, denuncia así a decisión de emitir ás 10 horas o debate organizado pola compañía pública, sendo este un horario de baixa audiencia e no que a maioría da poboación se atopa no seu posto laboral, tal e como denunciou o pasado 6 de novembro o comité de empresa de CRTVG, quen esixiu á dirección a súa emisión en prime time.
Denuncian ademais na súa conta Twitter que a Televisión Galega decidise só organizar un único debate, cando noutras ocasións se teñen realizado por circunscricións.
Ademais, lamentan que a Radio Galega non informase sobre este e que na crónica das 14 horas non lle dedicasen ningún minuto cando do debate da segunda feira 4 de novembro, onde participaron os líderes dos partidos españois, si falaron 4 minutos.
A Radio Galega invisibiliza no seu informativo o debate entre candidatos galegos ás eleccións xerais:
— DefendeAGalega (@DefendeAGalega) November 8, 2019
▶ 0” na Crónica das 14,00
▶ O mesmo informativo dedicoulle 4’ ao debate do luns entre os principais candidatos á presidencia do Goberno #ODebateInvisible#VenresNegro77CRTVG pic.twitter.com/5NlEBxer1n
O colectivo de profesionais denuncia que o debate tamén foi invisibilizado na TVG e sinalan que só lle dedicaron 35 segundos no telexornal do mediodía cando o mesmo informativo dedicou catro minutos e corenta e cinco segundos ao debate da pasada segunda feira cos candidatos á presidencia do Goberno central.
A TVG invisibiliza no seu informativo o debate entre candidatos galegos ás eleccións xerais:
— DefendeAGalega (@DefendeAGalega) November 8, 2019
▶ 35” no Telexornal Mediodía
▶ O mesmo informativo dedicoulle 4’ 45” ao debate do luns entre os principais candidatos á presidencia do Goberno#ODebateInvisible #VenresNegro77CRTVG pic.twitter.com/VBHFuqHDlo
O debate tan só durou unha única hora
As candidatas de PSdeG, PP, En Común-Unidas Podemos, Ciudadanos e BNG contaron con tan só 60 minutos para apresentar e debater as súas propostas cando no debate estatal houbo 165 minutos.