Debate matinal coa inacción do bipartidismo estatal no foco

Nunha sexta feira ás 10 horas a CRTVG emitiu o único debate galego. As candidatas de PSdeG, PP, En Común-Unidas Podemos, Ciudadanos e BNG contaron cunha hora para presentar e debater as súas propostas arredor de dous grandes bloques: o modelo de industria e enerxético e o modelo social e territorial. O tempo foi escaso para cubrir todos os temas, cun PP e un PSdeG cruzando reproches e críticas ao bipartidismo do resto de forzas e unha Galiza que en ocasións, debido aos partidos estatais, perdía presenza ante Madrid ou Catalunya.

Debate CRTVG xerais novembro
photo_camera Debate das cinco candidatas galegas ao Congreso o 10-N no informativo Bos días da TVG (CRTVG)

Bos días, nunha sexta feira ás 10 horas desde San Marcos, a 77ª coas traballadoras vestidas de negro, a CRTVG emitiu o único debate galego. Cinco candidatas polo eixo atlántico ao Congreso, Pablo Arangüena polo PSdeG, Marta González polo PP, Yolanda Díaz por En Común-Unidas Podemos, Beatriz Pino por Ciudadanos e Néstor Rego polo BNG contaron cunha hora para presentar e debater as súas propostas arredor de dous grandes bloques: o modelo de industria e enerxético e o modelo social e territorial.

Tras os deportes, o tempo, un videoclip da cantante Rosalía e dous minutos de información local o moderador Francisco López Iglesias deu comezo ao debate co minuto de apertura e o bloque dedicado á industria e a enerxía. Todas as representantes, coa excepción do PP, defenderon as protestas do cadro de persoal da CRTVG, denunciaron a censura e a manipulación da “televisión de Feixoo” e protestaron contra o horario estabelecido pola directiva.

O estatuto electrointensivo e o AVE

O primeiro grande bloque tivo como pano de fondo a crise industrial galega, saldada na quinta feira co peche de Isowat e o cadro de persoal na rúa. O moderador sinalou o prezo da enerxía que pagan “as empresas electrointensivas”, facendo unha alusión directa á creación dun estatuto propio. Desde a súa apertura comezaron os reproches entre as forzas. A candidata Beatriz Pino, que tendeu a man a un Goberno co PP e as “forzas da dereita”, cargou duramente contra o bipartidismo no tempo restante.

Ante os ataques de Marta González pola “inacción” de Pedro Sánchez, Pablo Arangüena lembrou que as competencias de política industrial son exclusivas do Goberno galego, acusou o presidente da Xunta, “30.000 empregos perdéronse durante os dez anos de Feixoo, desde os bancos Pastor até Pescanova”, e destacou o “fiasco” de Pemex. “Pero a competencia da Lei do sector eléctrico é estatal, e para baixar o prezo da enerxía estatal hai que dicir ás eléctricas que xa non mandan”, tivo que recordar Yolanda Díaz.

Os partidos estatais defenderon ser garantes dun estatuto eletrointensivo que non chega. Néstor Rego acusou a dependencia galega do Estado, demando a “soberanía eléctrica” e a nacionalización dos encoros. “Somos excedentarios na produción de enerxía, pero pagámola moito máis cara que en Madrid”, afirmou. Lembrou á candidata de En Común-UP o País Vasco “si conta cunha tarifa propia” e reprochoulle que non acadase o mesmo para Galiza.

Saíron ao plató da CRTVG os casos de Isowat, Alcoa na Coruña e San Cibrao, as Pontes, pero tamén o naval. Yolanda Díaz demandou a intervención do Goberno central para rescatar empresas “fundamentais para Galiza” e unha lei que impedise a deslocalización. O candidato do PSdeG prometeu “tratar de facer o que poida, dentro das competencias, pola industria galega”, pero negou que o Goberno tivese a obriga de “rescatar” empresas.

O AVE foi outro cabalo de batalla, nunha repetición da campaña electoral con PP e PSdeG botándose as culpas dos continuos atrasos, cun Rego que lembrou que as necesidades da Galiza en infraestruturas “van moito máis alá” con trens “decimonónicos”. A candidata do PP aproveitou a súa intervención para ligar a importancia dunha autovía a Lugo coa importante proximidade “do Xacobeo”.

A crise económica

O segundo grande bloque comezou cos datos do paro, Incertezas do Brexit, a guerra comercial dos Estados Unidos, e a pregunta do moderador, “estamos ante unha nova crise económica?”. Como tamén está a facer durante a campaña, González presentou o PP como único capaz de resolver unha nova crise. “Fixeron unha reforma laboral que precarizou as condicións de todas os traballadores e traballadores”, reprochou Rego.

O candidato do BNG lembrou que o PSdeG, “que contou co apoio de Unidas Podemos na lexislatura” non derrogou “nin a reforma laboral nin a Lei Mordaza e introduciu a necesidade de investir en Investigación e Desenvolvemento e de abrir a porta ao retorno da mocidade emigrada. Tamén reprochou a Diaz ter apoiado “os peores orzamentos da historia para Galiza”, quen se defendeu acusando o nacionalista de “colaborar co Partido Popular”. Arangüena defendeu os orzamentos do PSOE, incidindo en que o descenso galego débese a conclusión das obras do AVE.

Beatriz Pino afeou ao “sanchismo” a súa inacción ante “a praga de desemprego”. A candidata de Ciudadanos solicitou medidas para as autónomas, con tarifas planas para a mocidade, e beneficios fiscais para as persoas novas e mulleres no rural. Yolanda Díaz lembrou que as medidas para impulsar o emprego precisan fondos, e puxo sobre o plató unha das propostas clave de Unidas Podemos: demandar a banca o pago de 60.000 millóns recibidos durante o seu rescate en forma de impostos. Rego apoiou a medida, precisando a necesidade dunha “banca pública galega” que xestionase os cartos para dar pulo á “industria e ao emprego”.

Arangüena solicitou, como durante o primeiro bloque, “realismo” e apoiar o New Green Deal proposto pola Unión Europea, “cunha aposta decidida polas renovábeis”. A crise económica, respondeu a González, non a solucionaron os partidos “senón Mario Draghi desde o Banco Central Europeo”.

A segunda parte do debate rematou co moderador, que pediu en reiteradas ocasións intervencións máis breves, preguntando polo “debuxo territorial do Estado”. Rego acusou PP e Ciudadanos de aliarse coa “ultradereita” para pedir “a ilegalización de partidos democráticos só polas súas ideas”. “O Goberno vai poder pechar páxinas web sen mandato xudicial, isto chámase censura. Non existe separación de poderes, non podemos falar de democracia”, demandou.

Pino preguntoulle pola presenza do BNG en Barcelona, ou polo seu apoio a Bildu. “Defendemos dereitos e liberdades”, respondeu o nacionalista. As candidatas de Ciudadanos e do PP cargaron contra o independentismo catalán. González cualificou ás manifestantes de “energúmenos” e lamentou o pouco tempo dedicado “á segunda gran preocupación de españois e galegos despois da crise”.

O bloqueo, protagonista do minuto de peche

O minuto de peche comezou con Néstor Rego, demandando que non hai “maior rebeldía que apostar por unha forza propia” e defendendo ao BNG como a voz de Galiza no Congreso e o “muro de contención fronte a dereita ultranacionalista”. Beatriz Pino, que xa avanzara unha coalición co PP, pediu á xente que vote “libre” o domingo, facendo alusión aos Gobernos de Ciudadanos en Cataluña e en Andalucía, onde goberna en coalición con Vox e PP, e prometendo un Goberno “democrático, liberal e de centro”.

Yolanda Díaz, chamou á mobilización de “socialistas de corazón”, e das “desempregadas, mulleres, xente do mar, do agro ou persoas novas”. Marta González pediu o voto para o PP para “replicar en Madrid un goberno coma o de Alberto Núñez Feixoo”. Por último, Pablo Arangüena lembrou que o domingo as votantes escollen entre dous modelos: “o progresista do PSdeG-PSOE” e “un de dereitas escorado á ultradereita, que nega a violencia machista, o cambio climático e os dereitos e liberdades”.

Comentarios