23-X

A CRTVG restrinxe os faladoiros políticos durante a campaña e prescinde dalgúns dos colaboradores máis críticos co PP

Coa xustificación do inicio da programación de verán, a CRTVG reduciu, aínda máis, a pluralidade nos faladoiros de actualidade política e mesmo eliminou os faladoiros da noite, suprimindo, así, as voces máis críticas co PP.

No faladoiro desta quinta feira participaron Milagros Otero, Rafa Cabeleira e Javier Garrido (Foto: CRTVG).
photo_camera No faladoiro desta quinta feira participaron Milagros Otero, Rafa Cabeleira e Javier Garrido (Foto: CRTVG).

A cobertura informativa da CRTVG segue a provocar polémica. Neste caso, trátase dos faladoiros de actualidade política que o ente público organiza e que se emiten tanto por radio como por televisión, na segunda canle, a G2.

Co inicio da temporada de verán, o 26 de xuño, os faladoiros do programa “Galicia por Diante”, que se emiten de segundas a sextas feiras, de 8.30 horas a 9.30 horas, viron reducido o número de participantes de catro a tres e os faladoiros de “A Crónica”, de 22 a 23 horas, foron suprimidos, ao igual que noutras campañas estivais da CRTVG, mais, desta vez, a Dirección coñecía desde o 29 de maio a convocatoria das eleccións estatais. De feito, nin os medios públicos vascos nin os cataláns recortaron os seus faladoiros habituais.

A redución de catro a tres participantes no faladoiro do “Galicia por Diante” e a supresión do faladoiro de “A Crónica” provocou que a Dirección da CRTVG, á cabeza da cal se atopa Alfonso Sánchez Izquierdo, apartara as colaboradoras e colaboradores máis críticos coa xestión de Alberto Núñez Feixoo á fronte da Xunta da Galiza.

Así, desde o 26 de xuño, día en que comezou a nova tempada, perdéronse voces como as do profesor da UDC e ex deputado do BNG Carlos Aymerich; a da tamén ex deputada do BNG e administradora da empresa editora da revista Luzes, Ana Luísa Bouzas; a do avogado Xoán Antón Pérez-Lema; a do escritor Francisco Castro e a do activista social e membro de Anova Pepe Arias, que interviñan no debate de “A Crónica”, así como as do profesor de Economía da USC e ex deputado Suso Veiga e da directora de Nós Diario, María Obelleiro, que participaban nos faladoiros do “Galicia por Diante”. Segundo puido saber Nós Diario, as citadas persoas amosaran a súa dispoñibilidade para participar nos debates sobre actualidade política.

Arsenio Coto, xornalista de El Progreso; Roi Rodríguez, xornalista de El Correo Gallego; María Bastida, profesora de Economía da USC; Roberto Blanco Valdés, profesor de Dereito da USC; María Méndez, xornalista dedicada á comunicación corporativa e institucional e presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, e Doda Vázquez, xornalista de El Ideal Gallego e presidenta da Asociación da Prensa da Coruña fan parte das colaboradoras e colaboradores habituais da CRTVG que continúan nos faladoiros.

A CRTVG tamén segue a contar con Martín García, xornalista de El Progreso; Pablo Acción, xornalista que fora xefe de Informativos da Cope, e María Jamardo, xornalista do medio españolista dirixido por Bieito Rubido El Debate e quen fora líder do partido creado por Mario Conde, Sociedad Civil y Democracia. Estes dous últimos foron protagonistas dunha forte polémica o pasado 17 de maio, Día das Letras Galegas, cando foron acusados de mentir e de difundir un discurso “galegófobo” en palabras de Defende a Galega. Jamardo tamén se vira envolta nunha polémica nun faladoiro dunha televisión española cando sinalou, referíndose ao masacre levado a cabo pola aviación nazi en Gernika, no ano 1937, que “nin o que bombardeaba era malo nin os bombardeados [a poboación civil] eran tan bos”.

Outras das colaboradoras e colaboradores que mantén a CRTVG son a profesora de Dereito da USC e ex valedora do pobo Milagros Otero; a profesora de Economía da USC María Cadaval; Javier Garrido, empresario, presidente da Asociación de Promotores Inmobilarios da provincia de Pontevedra (Aproin) e familiar de Alfonso Rueda; o profesor de Ciencias Políticas da USC Miguel Anxo Bastos e mais o licenciado en Ciencias Políticas e colaborador de medios españolistas como Libertad Digital, El Toro TV, Intereconomía e Telemadrid ou do programa de Javier Negre “Estado de Alarma” Hugo Pereira.

A CRTVG foi albo de críticas no último mes tanto pola cobertura electoral dos comicios do 23 de xullo, cun só debate na Galiza, emitido ás 10 da mañá, como pola fichaxe como colaborador do filósofo Pedro Insua, autor de libros revisionistas como 1942: España contra sus fantasmas e coñecido polos seus ataques furibundos contra o catalán, o galego e o euskera, dos que chegou a apuntar que “no debieran de ser oficiales”.

Comentarios