O xulgado do Social número 1 de Santiago iniciou esta terza feira as vistas orais polas demandas que recibiu a Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) por vulneración de dereitos fundamentais. Neste caso foron tres xornalistas dos servizos informativos, cunha traxectoria contrastada, que viron como mudaba a súa situación laboral, en dous casos, na TVG ao pasar a realizar outros labores na Radio Galega (RG).
A xornada xudicial comezaba ás 9.30 horas coa demanda de Mónica Rosas. Esta xornalista conta cunha experiencia de máis de 25 anos como redactora na TVG e participa nas protestas do colectivo Defende a Galega, que leva cinco anos denunciando "a manipulación e a censura" nos medios públicos galegos a través das xornadas de protesta dos ‘venres negros’.
A vista oral, que tiña prevista unha duración de media hora, prolongouse toda a mañá e parte da tarde polo número de testemuñas que participaron, entre elas a decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Ana Isabel Rodríguez, que declarou chamada pola defensa da CRTVG.
Por este motivo, a xuíza decidiu aprazar as dúas vistas seguintes até o 19 de xullo. Ademais, pola grande asistencia de público, solicitará que teñan lugar nunha sala de maior tamaño.
Unha "anomalía laboral"
As outras dúas vistas corresponden a Alberto Ordóñez e Mayte Cabezas. O primeiro é especialista en información económica da Radio Galega e tivo que deixar o seu posto para pasar a cubrir noticias sociais na TVG despois de negarse a censurar unha información sobre o Índice de Prezos de Consumo (IPC) que sinalaba un comportamento peor na Galiza que no resto do Estado español.
Xunto a el, agardaba para entrar na sala Mayte Cabezas, unha das caras visíbeis nos programas da TVG após máis de trinta anos presentado varios deles. Filla dun asasinado polo Grapo en 1989, foi trasladada a un programa da Radio Galega tras criticar nas súas redes sociais unhas declaracións de Alberto Núñez Feixoo sobre as vítimas do 11-M.
Mayte Cabezas afirma, en declaracións a Nós Diario, que sente profunda “tristeza” por ver a responsábel educativa da súa profesión participando neste xuízo “con xente que vai en contra da liberdade de expresión”. Considera que a participación da decana da Facultade de Ciencias da Comunicación nesta situación é “unha anomalía laboral” por estar a “liberdade de prensa por riba do concepto que teñan de empresa, algo que non existe na lei de fundación da CRTVG”.
Cabezas sinala que na actualidade, na Corporación "dedícanse á compra de vontades, cun 'plus' se estás calada" mesmo "dándolles cargos", algo que "corrompe".
Polémica 'fichaxe' da RG
A Radio Galega tamén foi protagonista esta terza feira nas redes sociais após a polémica fichaxe do escritor vigués, Pedro Insua, como colaborador habitual do programa 'A tarde', de Antón Rebollido, a través da sección 'Galegos pola historia'. Insua tense referido ao idioma galego como "dialectizado e ruralizado" e, xunto co catalán e o euskera, defende que son "un conxunto de dialectos".
O autor ten afirmado que estes tres idiomas "non deberían" contar con oficialidade "por non ser comúns a toda España". No literario, é autor de obras revisionistas da historia e defensoras do imperialismo español.