A Consellaría de Sanidade vén de informar de 27 novos pasamentos ao longo desta fin de semana, tres deles na xornada de hoxe. Está é a cifra máis alta desde abril de 2020 e a terceira máis elevada da pandemia, cuns datos iguais aos da segunda máis elevada, que foi o 3 de abril. Dous días antes notificárase o óbito de 36 persoas.
Co cómputo fornecido polas autoridades sanitarias a Covid-19 xa custou a vida a 1.649 galegas e galegos. Hoxe decorreron os decesos dun home de 92 anos que era atendido no Hospital de Monforte, unha muller de 83 no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) e outra de 78 na DomusVi de Carballo.
Outras catro mortes tiveron lugar o venres: tres das persoas -un home de 84 e dúas doentes de 84 e 42- que estaban ingresados no Clínico de Compostela e outra enferma de 84 anos que fora trasladada da DomusVi de Ribeira á residencia integrada Cegadi.
Sanidade sumou catro decesos o sábado e todas eran mulleres. Unha de 89 e outra de 90 finaron na DomusVi de Carballo e na Cegadi (procedente da DomusVi de Ribeira). Aliás, sucedéronse os falecementos de dúas infectadas de 74 e 58 anos que permanecía no Chuac.
A xornada con máis casos foi a de onte, pois rexistráronse 16 óbitos.
Entre eles estiveron un varón de 84 anos do Hospital de Verín e cinco pacientes do centro hospitalario de Ferrol (CHUF). Neste último equipamento sanitario, os equipos médicos non puideron facer nada por salvar a tres homes de 85, 94 e 83 anos. Ademais, comunicáronse as defuncións dunha usuaria da residencia A Miña Casa de Ferrol e outra veciña de 67 anos.
Xa no Hospital Quirón da Coruña morreu un home de 68 anos. No Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) sumaron o deceso doutro varón de 89 anos. Tampouco superaron o virus unha muller de 88 e un home de 84 atendidos no Hospital de Ourense, unha muller de 91 anos atendida no HM-Modelo Belén da Coruña e un varón de 95 anos que estaba no Hospital da Mariña.
Na DomusVi de Carballo contabilizáronse os falecementos de dous residentes de 60 e 91 anos e unha usuaria de 76 anos.