Galiza conta cunha persoa menos coa COVID-19 a respecto da sexta feira. Segundo traslada a Consellaría de Sanidade son 340 os casos activos a menos de 24 horas de que remate o estado de alarma no Estado e, con el, as limitacións de mobilidade entre os diferentes territorios.
A Dirección Xeral de Saúde Pública informa que, na última actualización, este sábado, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 340, deles 110 son da área da Coruña, 17 da de Lugo, 24 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 141 da área de Vigo, 28 da de Compostela, e 12 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos en COVID-19, 6 fican en unidades de hospitalización e 334 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI no país.
Entre os 340 casos que aínda permanecen activos hai 4 maiores que están nunha residencia e unha traballadora dun destes centros.
O número de PCR realizadas até o día de hoxe é de 164.673 desde que comezou a pandemia. Polo de agora, na Galiza hai un total de 10.530 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.
Das 619 persoas falecidas, 274 son mortes ligadas as residencias de maiores, nas que durante a xornada de onte non se rexistraron falecementos. En concreto, 132 persoas faleceron no centro xeriátrico no que estaban a residir e 142 fixérono en hospitais ou nas residencias integradas, segundo os datos da Consellaría.