A carreira pola vacina achégase á meta e os corredores buscan asegurarse o premio

Ao tempo que as investigacións para conseguir unha vacina para a COVID-19 avanzan, tamén medran as dúbidas sobre quen serán os primeiros en ser inoculados. A OMS propuxo un mecanismo para priorizar os grupos de risco. Tamén, a través dunha alianza global, busca asegurar que os países pobres non fiquen sen ela.
2020061914330429128
photo_camera A xefa de investigación científica da OMS, Soumya Swaminathan, mostrouse optimista a respecto dos avances nas investigacións (who.int)

"Con sorte, poderiamos ter unha ou dúas candidatas exitosas antes de que acabe o ano, mais debemos observar os resultados dos actuais tests clínicos", sinalou a xefa de investigación científica da OMS na última conferencia de prensa desta semana. Soumya Swaminathan mostrouse optimista a respecto dos avances nas investigacións e dixo que se podería contar "cuns 2.000 millóns de doses en 2021". Mais, matizou, "só o poderemos conseguir de se unir o mundo, de se uniren os países e aceptaren este mecanismo".

O mecanismo do que falou Swaminathan refírese ao reparto das vacinas unha vez se consiga unha que se probe válida. Porque na liña da frase do secretario xeral da ONU, António Guterres, ─"Somos tan fortes como o máis feble dos sistemas sanitarios do mundo"─ nunha pandemia cómpre unha acción común tamén á hora de conseguir a inmunización planetaria ante o novo coronavirus.

Neste sentido, a semana pasada a OMS chegou a un acordo coa farmacéutica AstraZeneca ─que produce a vacina desenvolvida pola Universidade de Oxford─ para se facer con 300 millóns de doses. Estas serán destinadas a países en vías de desenvolvemento. Fíxoo a través da Alianza para a Vacinación (GAVI), unha asociación mundial que integra organismos públicos e privados como Unicef, o Banco Mundial ou a Fundación Bill e Melinda Gates, alén de Gobernos, sociedade civil ou farmacéuticas.

A asociación lanzou un mecanismo de compromiso co sector empresarial que denomina GAVI Covax AMC. Trátase dun novo instrumento de financiamento destinado a incentivar os fabricantes de vacinas para que produzan suficiente cantidade de doses fronte ao SARS-CoV-2 para asegurar a distribución nos países en vías de desenvolvemento. 

A meta económica inicial coa que naceu é chegar aos 2.000 millóns de dólares para vacinar alí, en principio, os traballadores sanitarios e persoas de alto risco.

O GAVI Covax AMC está inspirado nun mecanismo similar ao implantado con éxito para a produción de vacinas fronte á enfermidade neumocócica e fronte ao ébola. Busca garantir un volume de doses para os países máis pobres antes de que saian ao mercado, ao tempo que se reduce o tempo entre a autorización do organismo regulador e a posibilidade efectiva de utilizala.

A medida tenta compensar os movementos dos países ricos nos últimos días. Por exemplo, os Estados Unidos e o Reino Unido gastaron millóns de dólares en se aseguraren doses suficientes de varias vacinas, incluída a de AstraZeneca. A farmacéutica comprometeuse a producir 300 millóns de unidades para o Goberno estadounidense, e o británico garantiuse os 30 primeiros millóns. 

Tamén a comezos desta semana, Alemaña, Francia, Italia e os Países Baixos subscribiron un contrato con AstraZeneca para contar con 400 millóns de doses. A vacina estará dispoñíbel para todos os países da Unión Europea que se queiran adherir ao acordo, segundo informou o Ministerio de Sanidade alemán.

E a nivel comunitario, a presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, anunciou esta semana ante o Parlamento a Estratexia de Vacinas da UE, que contempla financiar as investigacións europeas con 2.700 millóns de euros a cambio de ter acceso prioritario á vacina que resulte deses estudos.

Catro candidatas, a piques de entrar na última fase dos estudos clínicos

Segundo a última actualización publicada pola OMS, da quinta feira, na actualidade hai 128 candidatas a vacina na fase de avaliación preclínica e 13 na clínica. Destas últimas, catro (dúas, na China; unha, nos EUA; e outra, no Reino Unido) están perto de entrar na fase 3 dos ensaios, a última antes da súa posíbel produción masiva.

A fase 2 na investigación dunha vacina implica probas nun cento de voluntarios, mentres que na fase 3 as probas esténdense a milleiros de persoas. O proceso normalmente dura polo menos 18 meses, mais ante a gravidade da pandemia estase a acelerar o proceso nesta ocasión.

Tamén existe un compoñente xeopolítico dentro da Guerra Fría entre os EUA e a China, circunstancia que se deu en chamar "momento Sputnik" pola carreira espacial no século XX entre Washington e Moscova.

Comentarios