A mobilización reclama a “dignidade das persoas residentes e do persoal do centro propiedade da ex presidenta da Asociación de Xoves Empresarios de Pontevedra, Lucía Pedroso”. O sindicato nacionalista considera que “a Consellaría de Política Social é coñecedora das irregularidades detectadas no centro, dándolles cobertura con informes que omiten a realidade do que alí acontece e as infraccións en materia de salubridade, alimentación, medicación e trato ás persoas residentes”.
Mi Casa
O membro da executiva comarcal da federación de servizos da CIG de Vigo, Pedro Pérez, pregúntase, en conversa con este xornal, “se o feito de que a propietaria de Mi Casa, Lucía Pedroso, fose no seu día presidenta da Asociación de Xoves Empresarios de Pontevedra e manteña vinculacións con altos cargos do PP na Xunta está a provocar algún tipo de trato de favor por parte da Administración autonómica cara a esta persoas e as súas empresas”. Pérez lembra que a CIG ten presentado denuncias sobre a situación do centro e as condicións dos residentes e do persoal diante de Política Social e da Inspección de Traballo. Precisamente, unha delas, formalizada en 2017, rematou coa apertura dun expediente a Mi Casa por “sobreocupación, xa que tiña un total de 63 residentes cando unicamente contaba con 58 prazas, 22 delas subvencionadas pola Xunta”.
O sindicalista denuncia “as irregularidades detectadas en Mi Casa contra as traballadores, polo que agardamos que as accións inspectoras tomen as medidas correctoras e sancionadoras correspondentes”. Neste sentido, significa que están agardando pola resposta da Inspección de Traballo diante das queixas formuladas nos últimos tempos e demanda de Política Social “que se corrixan todas as deficiencias ou no caso contrario clausurar a residencia”.
O sindicalista recorda que a copropietaria da residencia Mi Casa de Pazos de Borbén, Lucía Pedroso, “xestiona outras empresas de axuda no fogar que prestan servizo para distintos concellos e cuxos contratos foron rescindidos por impagos ao persoal, como aconteceu en Silleda ou no propio Pazos de Borbén”.
Axuda no fogar
A concesionaria do servizo de axuda no fogar en Silleda e Pazos de Borbén era a mercantil Pedroso y Rojas SL, de cuxo capital participaba Lucía Pedroso. A socia de Pedroso nesta empresa era Bibiana Rojas, habitual no conglomerado empresarial da antiga presidente dos xoves empresarios en Pontevedra. Unha e outra partillan a propiedade do centro de maiores de Ponte Caldelas. Bibiana y Rojas SL acumulou débedas de diverso importe cos seus traballadores en Silleda, cifrando a CIG os impagos coa Seguridade Social “nuns 150.000 euros”. A mesma compañía sumou en Pazos de Borbén débedas co persoal que a CIG sitúa “aproximadamente en 30.000 euros”.