A carencia dun servizo de trens de proximidade 'maltrata' Galiza nos novos abonos
Unha usuaria ou usuario de tren alá onde existen servizos de Proximidades ferroviarias —Asturias, Cantabria, Euskadi, Catalunya, Madrid, País Valencià, Murcia e Andalucía— pode acollerse a partir do 1 de xullo, coa entrada en vigor dos novos abonos que poñen fin á gratuidade, á tarifa plana de 20 euros mensuais para viaxar por todas as zonas que abranga a súa rede. Algo que os usuarios e usuarias galegos de tren non poderán facer. As condicións na Media Distancia (MD), que ten a principal liña ferroviaria da Galiza, a do Eixo Atlántico, son moito menos vantaxosas que nas Proximidades, un servizo que no país só se presta entre Ferrol e Ortigueira. Un exemplo: o bono mensual Vigo-Pontevedra, traxecto parello a moitos de Proximidades no Estado, abeira os 52 euros, máis do duplo da tarifa plana de Proximidades.
"Parece unha utopía [dispor dun servizo de Proximidades]", apunta a Nós Diario Alejandro Tesouro, un dos portavoces da Plataforma do Tren de Media Distancia da Galiza. Mais algúns pasos estanse a dar de cara á 'utopía'. A semana pasada o BNG no Congreso conseguía incorporar unha emenda transaccional na Lei de mobilidade, relativa ao estudo de novos servizos ferroviarios, na que o Goberno español se compromete a estudar, avaliar e despois "implementar" aqueles considerados "cotiás". Unha porta aberta de cara a avanzar na implantación das Proximidades, compromiso que figuraba no acordo de investidura de Pedro Sánchez asinado pola formación nacionalista.
Áreas metropolitanas como as de Vigo (con 550.000 habitantes), Pontevedra-Vigo (700.000) ou Ferrol-A Coruña (650.000) superan en poboación outras zonas do Estado español onde veñen funcionando desde hai anos as Proximidades. De feito, a viguesa é a maior área urbana en todo o Estado sen este servizo de ferrocarril. Servizo que funciona desde hai anos en cidades de 170.000 residentes (como Santander) ou en áreas urbanas de 400.000 habitantes (como Murcia). Nos últimos anos, o Ministerio estudou a viabilidade para declarar "servizos ferroviarios de proximidade" relacións como a de Palma del Río e Villa del Río (Córdoba), ou Illescas e Fuenlabrada (Madrid), entre outras, mais até o de agora non contemplaba á Galiza para eses estudos.
As persoas usuarias de tren na Galiza, pois, non poden beneficiarse de certas vantaxes tarifarias por carecer do servizo de Proximidades e a pesar de a liña de Media Distancia que une Vigo e A Coruña ser a máis usada no Estado. En 2024 empregárona 5,3 millóns de viaxeiros, o que supón 42% máis que os que a usaran no primeiro ano de implantación dos abonos gratuítos (3,7 millóns). A cifra de usuarios de todas as liñas na Galiza pasou de 4,9 millóns en 2022 a 7,4 millóns o ano pasado (51% máis).
Unhas cifras moi significativas a pesar de que a liña do Eixo Atlántico —que se puxo en marcha en 2015— apenas tivo neste tempo ningunha frecuencia adicional, que si houbo noutros territorios do Estado. "A nosa MD funciona, de facto, como un tren de Proximidades. Porén, como Renfe non ofrece este servizo no país, a Galiza fica máis unha vez maltratada. O resultado é que hai Proximidades ilimitados en todas as redes do Estado a 20 euros mensuais; na MD Vigo-Compostela, por exemplo, 139,40 euros mensuais", criticaba nas redes un dos seus usuarios, Diego García, lingüista e docente.
Prezos "excesivos"
Alejandro Tesouro recoñece que, un día despois da publicación das condicións e dos requisitos dos novos abonos, "hai moita letra pequena que analizar". O portavoz da plataforma de usuarios e usuarias da MD galega indica que son coñecedores "do que custan os servizos públicos", como o tren, e que por iso asumen que a gratuidade non se podía manter indefinidamente. "Mais algúns dos novos prezos parécennos excesivos", indica, salientando os 263 euros mensuais do abono para a liña entre A Coruña e Ourense, "aínda que sexa nunha liña de altas prestacións", ou os 204 euros por 30 días entre Vigo e a cidade herculina.
Tesouro apunta a que hai estudantes que estudan buscar unha habitación en aluguer ao non lles compensar pagar o novo abono entre A Coruña e Ourense; ou valoran a posibilidade de compartir vehículo. "Deberían estabelecerse uns prezos máis adecuados", conclúe o portavoz, "porque se non haberá xente que baixe do tren". Explica que nun territorio como a Galiza a mobilidade en tren precisaría dun maior impulso: "Non temos grandes distancias; non só en km, tampouco en tempos, que é como moitas veces se miden as distancias en tren", di. Os seus usuarios e usuarias, destaca, son en gran medida "estudantes e persoas que o empregan por motivos laborais". A gratuidade en 2022 foi "unha oportunidade" para que moita xente optase polo transporte público e as medidas que se adopten deberían consolidar e ampliar esa aposta, sostén. "É, ademais, ferramenta moi útil para vertebrar o territorio", engade, coa mirada posta en mellorar as conexións no interior do país.
A plataforma aproveita para lembrar que a mellora do servizo "non é só cuestión de tarifas", e que o novo escenario debe de "ser o inicio dun tren mellor" na Galiza, o que pasa inevitabelmente, "por ter frecuencias e horarios para todos".
Euskadi e Catalunya asumen as súas competencias
A asunción e xestión das competencias en materia ferroviaria é unha vella demanda dos gobernos vasco e catalán; non así do galego. Desde o 1 de xaneiro de 2025 Euskadi asumiu a xestión do servizo de Proximidades despois do acordo político entre os gobernos español e vasco. O traspaso foi valorado en 92,7 millóns e o Estado comprometeu tamén 500 millóns de euros en investimentos, o que incluía a renovación de 25 dos 44 trens máis antigos. O cambio afectou 22 millóns de viaxeiros e viaxeiras (22.802 cada día en Donostia e 58.096 nas liñas biscaíñas) que usan algún dos 426 servizos diarios. E a isto hai que engadir que Euskadi xestiona desde 1982 mediante unha empresa pública (Euskotren) o 'Topo', un sistema híbrido entre o ferrocarril metropolitano e o tren suburbano que une Donistia e Hendaia.
Pola súa parte, Catalunya contará cun servizo de trens propio após o acordo para o traspaso das Rodalies (servizo de Proximidades), que se está a efectuar de maneira gradual. Este traspaso era unha demanda partillada pola inmensa maioría do Parlament e da sociedade catalá desde hai anos. Na Galiza, o Goberno galego, na cuestión de poder avanzar cara a un servizo de Proximidades, optou até o momento pola inacción.

