Parlamento

Rueda ridiculiza a rebaixa de peaxes e o tren de proximidade: "É un acordo de garrafón"

Alfonso Rueda non gosta do acordo de investidura alcanzado entre o BNG e o PSdeG. Volveu manifestalo esta cuarta feira durante a sesión de control no Congreso. Un acordo de "rebaixiñas" e de "garrafón", dixo, cando nacionalistas e socialistas explicaron algunhas das medidas contempladas no pacto, como as rebaixas de peaxes en AP-9 e AP-53, a condonación de parte da débeda a Galiza ou os pasos cara a un tren de proximidade.
Sen titulo
photo_camera Alfonso Rueda, Ana Pontón e Begoña Rodríguez Rumbo, onte na sesión de control na Cámara.

Non figuraba na orde do día mais centrou boa parte da sesión de control ao presidente galego: o acordo de investidura asinado esta segunda feira entre o BNG e o PSdeG. E centrouna porque o propio Rueda empregou tempo das súas quendas na sesión e botou man do trazo groso para criticar un pacto que quixo ridiculizar con adxectivos como "galáctico", "de garrafón" ou "de rebaixiñas".

A portavoz do BNG, Ana Pontón,  sinalou a Alfonso Rueda como "o único galego que lle parece mal as rebaixas na AP-9 e Ap-53". A líder nacionalista considerou "triste" que o presidente galego "sexa o único na Galiza que non ve ben poder ter un tren de proximidade" ou  compensacións na débeda. Tamén Begoña Rodríguez Rumbo, viceportavoz do PSdeG, aplaudiu as medidas do acordo e interpelou directamente a Rueda: "Vai acollerse á condonación da débeda ou vai pregarse a Díaz Ayuso [presidenta de Madrid], que xa dixo que non o faría?". 

Dos "400 euros" a "parvos útiles"

O titular da Xunta cargou contra as "cesións" a Catalunya do Goberno estatal e volveu repetir esta cuarta feira o argumento que o PP na Galiza  está a intentar popularizar estes días: "400 euros vai ter que pagar cada galego" polo acordo co independentismo catalán. Acusou mesmo ao BNG de ser os 'parvos' "útiles" do PSOE, palabra a de 'parvos' que non chegou a pronunciar para que non se "ofendese" Pontón, dixo.

A líder da oposición subliñou que o acordo asinado "beneficia a vida dos galegos e galegas" e iso é, engadiu, o que "vostede non pode soportar, déixao en evidencia". Porque, concluíu a nacionalista, "este é un bo acordo para a Galiza e malo para o PP" e solicitou a Rueda que "no tempo que lle queda de presidente, non poña paus nas rodas".

Rodríguez Rumbo, nesa liña, dixo que o pacto logrou máis cousas para o país que "14 anos de Gobernos do Partido Popular" e instou ao mandato galego a que "exerza de presidente da Galiza e non de soldado do PP".

Next Generation e Move

O nivel de execución dos fondos europeos Next Generation pola Xunta e o cumprimento do plan Move do Goberno galego si que figuraban na orde do día. No primeiro deles, a socialista Rodríguez Rumbo cifrou en apenas 35% o nivel de execución dos máis de 1.400 millóns que a Xunta recibira do Goberno estatal polos Next Generation.

Rueda elevou esa porcentaxe de cumprimnento a máis de 70% e cargou contra o modo de xestión do Goberno de Pedro Sánchez destas partidas. Pola súa parte, Ana Pontón criticou o "elevado incumprimento" do Goberno galego a respecto do plan 'Move' de infraestruturas, "anunciado en 2010 para facer 200 km de vías de altas prestacións. Onde están?", preguntou.

Comentarios