As seis persoas candidatas ao consello de administración da Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) compareceron esta terza feira, 29 de xuño, no Parlamento galego como paso previo á aprobación da súa designación polo pleno, e defenderon o seu compromiso cos medios públicos.
O PPdeG propuxo catro dos candidatos: Luis de la Matta, Higinio Meijide, Ana Peón —que xa exercen na actualidade como conselleiros— e Alfonso Cabaleiro, ex secretario de Medios de Alberto Núñez Feixoo e Manuel Fraga e até o momento director xerente de Galicia Calidade, alén de traballar para diversos medios de comunicación como a propia TVG.
No seu discurso, Cabaleiro apelou a "recuperar a ilusión colectiva" dos primeiros anos da televisión pública, e avogou por que "non sexa un campo de batalla política", senón "un punto de pluralidade obxectiva e democracia".
Tamén Meijide e Peón incidiron na "vontade de consenso" para conseguir un estatuto do profesional e un consello de informativos que "valore todas as circunstancias actuais no exercicio do labor informativo".
Aliás, De la Matta instou a "manter en boa forma a CRTVG", que conta cuns "medios máis modernos e dixitalizados".
As candidatas da oposición
O BNG propuxo para o posto a Carme Vidal, xornalista cunha dilatada traxectoria en medios de comunicación e que hoxe exerce como responsábel de comunicación da Vicepresidencia da Deputación da Coruña. No seu discurso reivindicou a liberdade de información e o pluralismo como "piares fundamentais" que deben rexer a corporación.
E por parte do PSdeG, Irene Viña, actual directora de comunicación dos socialistas, salientou que a "razón de ser" da CRTVG é a promoción e defensa da lingua e a cultura propias do país.