A deputada do BNG Montse Prado rexistrou no Parlamento Galego unha iniciativa na que propón á Xunta a posta en marcha dun conxunto de medidas para a prevención do suicidio na Galiza.
Ante o “alarmante” número de casos rexistrados, “especialmente entre a xente nova”, Prado pide, entre outras cuestións, “a posta en marcha de unidades hospitalarias de atención infanto xuvenil en todas as áreas sanitarias, campañas de concienciación e prevención de condutas suicidas e de autolesión ou a creación de equipos multidisciplinares para prestar unha atención integral dende a Atención Primaria”.
Segundo as última cifras publicadas polo Instituto de Medicina Legal (Imelga), no 2022 quitáronse a vida na Galiza 340 persoas, nove máis que o ano anterior, practicamente unha ao día. Desde o 2010, a cifra elévase a 4.501.
“O suicidio segue a ter unha altísima prevalencia, pois A Galiza segue encabezando as taxas de suicidios no Estado español”, apunta a deputada do BNG, que considera os datos “alarmantes”.
“Este é un problema con consecuencias sanitarias e sociais de primeira orde”, engade, apostilando que o é aínda máis “se se ten en conta que a OMS estima que por cada morte por suicidio consumada prodúcense entre vinte e trinta tentativas”.
Montse Prado, que considera que a saúde mental se ten convertido na “gran pandemia post Covid polo seu impacto na saúde”, advirte que o Plan de Prevención do Suicidio aprobado no 2017 quedou en “papel mollado” por ser “máis que insuficiente, como demostra o feito de que a Galiza siga á cola do Estado e da Unión Europea en taxa de profesionais”.
“É urxente que a Consellería de Sanidade teña como obxectivo prioritario a prevención do suicidio e poña en marcha medidas acordes a dimensión do problema”, apunta Prado, concluíndo indicando que o Bloque reclama “un aumento do orzamento para a prevención acorde co problema e a posta en marcha de programas de intervención intensiva da conduta suicida en cada área sanitaria”, entre outras accións.
Compre lembrar que existe un teléfono gratuíto, o 024, que está dispoñíbel as 24 horas do día para atender e axudar a persoas con condutas ou pensamentos suicidas.