Opinión

Prevención do suicidio

Como vén facéndose dende 2003, este dez de setembro conmemoruse o Día Mundial da Prevención do Suicidio. Este ano, dende diversos colectivos reivindícase a necesidade dun Plan Nacional ao igual que os que se poñen en marcha para outros problemas de saúde ou de seguridade, como a prevención de accidentes de tráfico, o tabaquismo ou o estilo de vida saudable. Dende a pandemia, falar sobre saúde mental comeza a ser cada vez máis frecuente e esta maior visibilización tamén levou aparelladas iniciativas como a creación dun número específico para dar apoio a persoas con conduta ou ideación suicida. É un comezo, pero non é abondo. Sobre todo, non forma parte dunha estratexia global para diminuír as cifras de persoas mortas por esta causa. Esta planificación debería contar tamén con base científica e mecanismos para cuantificar a súa eficacia.

Son da opinión de que en parte isto é difícil porque existe a crenza de que o suicidio é un suceso impredicible e polo tanto imposible de evitar. Porén, toda a evidencia científica apunta en sentido contrario: existen estratexias e recursos que reducen eficazmente as cifras.

O outro motivo que intúo tras a falta dun plan é que moitas das medidas que se poderían implementar son de tipo social. A prevención primaria pasa por aplicar recursos que aseguren a vivenda en situacións de emerxencia, que melloren a protección que reciben as vítimas de violencia ou que protexan as crianzas de neglixencia ou abuso no interior das familias. En moitos casos, cando o problema chega ás consultas, as profesionais somos incapaces de dar unha resposta axeitada porque o dano xa está feito ou porque as solucións necesarias non están na nosa man.

Por último, afondar na educación emocional dos homes, que son os que morren por suicidio nunha altísima proporción, sería outro chanzo da prevención. O rol de xénero masculino tradicional dificulta ou impide que os varóns tezan redes de apoio eficaces, que comuniquen o seu malestar e, en última instancia, que acudan á consulta. Tamén provoca que teñan maior frecuencia de condutas autodestrutivas, como o uso de alcol e outras drogas ou a violencia, que afasta á súa contorna e complica aínda máis que reciban axuda. Isto tamén é un produto do patriarcado e tamén debe terse en conta á hora de deseñar políticas eficaces para colectivos de risco, neste caso as persoas de xénero masculino.

Comentarios