Tras a confirmación por parte da Xunta do peche do colexio de Baamonte, no municipio de Begonte, para convertelo nun conservatorio de música, a Federación de Anpas de Lugo iniciou unha campaña por redes para evitar o peche do centro. A campaña conta co apoio da Confederación de Anpas Galegas.
Baixo o lema “Do cole de Baamonde non nos moverán”, a Federación lucense denuncia o "desmantelamento do rural" e o seu "abandono", que se demostra, unha vez máis, co peche deste colexio. Mediante a plataforma de difusión, as Anpas pretenden visibilizar a gravidade da desaparición dunha escola do rural como o de Baamonde.
Isabel Calvete, presidenta da Federación Provincial de Anpas de Lugo (Fapacel), asegura que as reivindicacións das nais e pais de Baamonde estarán en todo momento apoiadas pola propia Federación e polas Anpas da Galiza. A campaña pretende chegar a todo o territorio galego para protestar polo peche do colexio, o que suporía unha “barbaridade”, segundo a propia Calvete. Porén, a presidenta da Fapacel non descarta que a Consellería de Educación dea un paso atrás.
A Xunta confirma o peche do colexio de Baamonde
A proposta de converter o centro nunha escola de música foi aceptada polo alcalde do concello, o popular José Ulla, nunha reunión levada a cabo a semana pasada co presidente Núñez Feixóo.
Ante esta decisión, o presidente da Deputación de Lugo, Xosé Tomé, puxo en dúbida que o peche do colexio de Baamonde presente un “interese público” e pensa que poida haber certos “intereses privados” detrás da proposta. O socialista Tomé opina que “non se pode dicir que se aposta polo rural e despois quitarlle servizos”.