A Xunta anunciou a convocatoria de axudas por valor de 400.000 euros destinados ás Asociacións de Nais e Pais galegas para actividades de promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero.
Estas axudas, financiadas polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, están dotadas con 400.000 euros, ampliábeis en función das necesidades, e poderían chegar a unhas 150 asociacións.
Cada solicitude terá acceso a un máximo de 3.000 euros, se é de carácter individual, ou de 6.000 euros, no caso das peticións conxuntas presentadas por federacións ou confederacións de Anpas.
Nun comunicado, a Consellaría de Educación salientou que a Xunta pretende así contribuír á formación, sensibilización e información das familias e asociacións de nais e pais na perspectiva de xénero, concienciando as fillas e fillos, o alumnado e a comunidade educativa sobre os estereotipos de xénero existentes e visibilizar as mulleres e as nenas promovendo unhas relacións respectuosas e en igualdade que preveñan a violencia de xénero.
Con estas axudas poderanse financiar programas e actividades de difusión dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias, ás Anpas e á comunidade educativa en xeral até o 30 de novembro de 2022.
Escolas para nais e pais
Entre as actuacións concretas, apóiase a organización de escolas para pais e nais que aborden temas de igualdade, talleres de educación afectivo-sexual sobre violencia de xénero e a elaboración de materiais informativos para nais e pais que axuden a detectar estes casos.
Ademais, tamén se poderán realizar accións de formación, sensibilización e difusión contra a cosificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas; a formación para pais e nais de mozas sobre o uso axeitado e crítico das novas tecnoloxías e sobre novas masculinidades ou micromachismos.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará esta segunda feira, 21 de marzo, as axudas que poderán ser solicitadas até o 21 de abril.