A Fiscalía recomenda "máis orzamento público e máis gasto privado" nas residencias de maiores da Galiza como vías para mellorar a calidade asistencial. Así o recolle na súa memoria anual correspondente a 2020, á que tivo acceso Europa Press, e no texto entregado no Parlamento alude a esas medidas como posíbeis solucións ás carencias que quedaron á vista da sociedade durante a pandemia.
O fiscal superior da Galiza, Fernando Suanzez, entregoulle a memoria ao presidente da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices, esta segunda feira e nese documento alude ás carencias reveladas por unha crise sanitaria que deixou nunha situación de "desamparo" as e os usuarios de xeriátricos, concibidos máis como "hoteis" que como centros sociosanitarios.
En concreto, o informe repasa os efectos durante o primeiro ano da crise sanitaria, 2020, no que Fiscalía tramitou no país nove dilixencias de investigación penal e catro preprocesuais civís, a maioría vinculadas a centros de maiores.Así lembra no seu balance que, até o 31 de decembro do 2020, a pandemia causara 571 falecidos nas residencias, o 41% do total na Galiza. Destas, case a metade (43%) producíronse en catro centros, tres do grupo DomusVi (Santiago, Barreiro-Vigo e Aldán-Pontevedra) e tamén no de A Nosa Señora da Esperanza de Ourense.
En consecuencia, a Fiscalía ve necesario acometer unha reforma do modelo residencial para maiores no Estado e no país co fin de mellorar a súa calidade, algo que pasa por un incremento do investimento, tanto público como privado.
"A calidade hai que mellorala, pero temos que asumir que hai que pagala", expón a Fiscalía, que remarca nas súas conclusións sobre o pasado ano que a pandemia "afectou de forma especialmente cruel" ás persoas con discapacidade e aos maiores, xa que evidenciou a "nula existencia" de protocolos de urxencia para episodios de saúde pública.
Ademais, tamén bota en falta maior coordinación entre o Estado español e as administracións territoriais, ás que apela a revisar as súas conexións de fronte ao futuro, á vez que censura a situación de illamento que padeceron as e os residentes neste tipo de infraestruturas á hora de relacionarse coas súas familias.
"É unha cuestión que a cidadanía non entende, a situación de desamparo en que se viron as persoas maiores nas residencias e sen poder ter relación cos seus familiares, aos cales se lles daba a posibilidade de acceder a ver aos seus parentes, evidentemente por razóns de saúde, pero quizais sería procedente acordar un protocolo ou unha normativa xeral para toda España sobre criterios básicos", resume