#sermos160: rebelión na granxa galega

A vaga de mobilizacións do agro galego ou o acoso sexual en espazos públicos son temas que debullamos neste nº160, no que entrevistamos o compositor de música culta Paulino Pereiro e dialogan 2 poetas cabo-verdianos. Xa na nosa loxa.

Sermos 1

Máis un número do Sermos Galiza, o 160, recén saído do forno. ´Rebelión na granxa galega' titulamos o Tema da Semana. O agro galego emprendeu este verán, farto do insostíbel da súa situación e do desleixo de Xunta e Estado, unha vaga de mobilizacións que ameaza con se estender, con maior contundencia, ao mes de setembro. Falamos con gandeiros, sindicalistas e coñecedores do sector para ter as chaves que nos permitan entender como se chegou a este escenario e que camiño habería que tomar para saírmos del.

'Ter ou non ter grupo parlamentar no Congreso'. A Declaración de Conxo pon o acento na necesidade de Galiza estar representada cun grupo parlamentar soberano no Congreso, mentres que o I Encontro por unha Marea Galega elude o asunto nas súas conclusións.

'O acoso sexual na rúa, a violencia invisíbel non recoñecida'. É unha reportaxe a dupla páxina. Piropos, tocamentos, miradas… o acoso sexual en espazos públicos é unha das formas de violencia máis comúns que sofren as mulleres cada día e representa a forma de violencia sexual culturalmente máis normalizada.

En 'Plan Ferrol: crónica dun fracaso' contamos como o Ministerio de Industria deixa sen investir 45,7 millóns de euros na reindustrialización da comarca de Ferrolterra. Unha reportaxe que completamos cunha entrevista a Cristóbal Dobarro, presidente da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal. “Ferrolterra é a única comarca do Estado que, após apresentar proxectos, ficou excluída dos empréstimos do Minetur”.

Novo Hospital de Vigo e música galega en Albania

Poucas semanas despois da súa apertura, o novo hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo non deixa de acumular críticas e denuncias, que desembocarán nunha nova manifestación o próximo 3 de setembro. O centro sanitario emprende estes días o traslado de doentes desde os cinco hospitais públicos que ficarán pechados ou adelgazados após a operación. Tratamos a fondo este tema en 'A polémica marca a apertura do novo hospital de Vigo'.

O compositor Paulino Pereiro (A Coruña, 1957) vén de triunfar en Durres, a segunda cidade en importancia de Albania, coa música de cámara galega. Fíxoo sen apoio ningún por parte da Consellaría de Cultura. Entrevistámolo neste #Sermos160; “A Xunta non ten o menor interese en presentar a música de cámara galega polo mundo adiante”. Na sección Viaxes na Miña Terra percorremos a costa de Foz da man do colectivo Xea.

En 'Dois cabo-verdianos dialogarem sobre linguagens e culturas' danse cita Arnaldo Carlos de Vasconcelos e Corsino António Fortes. A falla de medios humanos e materiais nos centros de atención a dependentes da Consellería de Traballo e Benestar na provincia da Coruña tamén é tratado neste número. Na sección de Internacional, debullamos a crise China e as súas repercusións.

Na crítica de cinema, 'Notorious', de Hichtcock. “Lembro sobre todo o mítico bico apaixonado que dá con Cary Grant e que me deixou marcado para sempre, como a moitos/as, supoño. De feito foi por mor da estrita censura do código Hays, que impedía que un bico durara máis de tres segundos, polo que acabou pasando á historia”, escrebe o crítico Andrés Castro

E na crítica de libros, 'A galera de Xelmírez': “Os pobos colonizados adoitan ter unha relación peculiar coa novela histórica, unha relación que se basea frecuentemente na necesidade de impugnar un discurso historiográfico (o da metrópole) que acostuma ser unha parte máis da súa dominación. Neste sentido, a narrativa, como xénero literario. trata moitas veces de suplir os aspectos que caracterizan unha Historia contada cunha perspectiva allea”, explica Mario Regueira.

DK

E na contra-capa, 'O derradeiro baile de guerra', sobre o último concerto de Das Kapital o vindeiro 4 de setembro. “Das Kapital detonou hai 5 anos contra o relato asumido e foi unha onda expansiva para derrumbar toda esperanza. “A esperanza é a desculpa dos negros covardes para non facer nada agora” aclaraba un graffitti no Detroit que ardía en disturbios rabiosos a finais dos 60. Revolta”.

E, ademais, as colaboracións e artigos de Xavier Queipo, Luz Darriba, a columna da AELG que desta quenda toca a Monolo Portas, os cadriños de Nachortas e Tokio, a semana en imaxes...

Máis en Só en papel
Comentarios