Un repaso ao medio século de fútbol na Costa da Morte

Xosé María Lema e Chema Rei son os autores dun ambicioso traballo de investigación sobre unha das competencias máis senlleiras do fútbol galego, un libro que leva por título 50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014).

Fútbol Historia Liga da Costa
photo_camera Aliñación dunha equipa da liga da costa, en 1944


Foi en 1964 cando a Federación Galega de Fútbol decidiu incorporar á súa propia estrutura a Liga da Costa da Morte, unha competición que, se ben botaba a andar oficialmente esa tempada, levaba xa algún tempo funcionando de xeito autónomo potenciada por unha rivalidade comarcal e mesmo local que non decaeu nin un chisco até a actualidade. O 12 de abril dese mesmo ano, oito escadras do arco fisterrán inauguraban unha das competicións máis senlleiras do fútbol galego.

A historia do fútbol nesta zona xeográfica remóntase, loxicamente, tempo atrás. Foi, como no resto da Galiza, a comezos do século XX cando a práctica do balompé –foot ball nas crónicas da época- principiou a súa popularización. Posibelmente ninguén imaxinara naquela altura que un deporte incipiente coma aquel atinxiría cotas de popularidade tan altas, mais o certo, sinala Xosé María Lema, coautor, canda Chema Rei, do libro 50 anos de historia do fútbol da Costa, é que as cifras de espectadores naqueles primeiros encontros dos que se ten constancia a través da prensa da época, revelaban un crecente interese por esta nova práctica deportiva, axiña convertida en verdadeiro espectáculo de masas.

Dupla página fútbol na Costa da Morte

A publicación deste traballo de investigación a catro mans vén completar unha primeira aproximación ao fútbol da Costa da Morte elaborada polo propio Lema a finais dos anos 80. Daquela repasábanse as vodas de prata da Liga da Costa a través do Clube Deportivo Baio, “o único equipo que participou en cada unha das tempadas da competición”, lembra o escritor. Co que vén de saír do prelo, os autores celebran o primeiro século dunha competición que é toda unha referencia do fútbol afeccionado nun momento, o actual, no que pairan as dúbidas a respecto do futuro do fútbol modesto derivadas das esixencias que o Goberno central incluíu na Lei de Emprendedores aprobada en 2013, que obriga a todos os clubes, incluídos os modestos ou os que traballan case en exclusiva coas categorías de base, a dar de alta no réxime xeral da Seguridade Social a todos os seus colaboradores, independentemente da súa relación con estas entidades. 

A reportaxe íntegra, unha dupla páxina, sobre a liga de fútbol da Costa da Morte tédela ao voso dispor no número 150 de Sermos Galiza, disponíbel nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.

Máis en Só en papel
Comentarios