XOSé LUíS RIVAS, “MINI”, EX-ALCALDE DE BOIMORTO

"A moción en Boimorto foi una operación mafiosa, haxa ou non haxa cartos"

“Mini”, máis coñecido pola súa faceta de cantautor do país e das loitas sociais, di sentirse “burlado e preocupado” após a moción de censura que o desaloxou da Alcaldía de Boimorto (promovida polo PP co apoio dun edil eleito na lista do PSOE).

Mini  ©xurxo lobato
photo_camera ©xurxo lobato

- Esperaba a moción de censura?

- Si, desde o momento en que o Sr. Balado –ex edil do PSOE- presenta a petición dun grupo aparte xa souben que o PP estaba detrás. Pensei que serían máis prudentes e que esperarían ás eleccións xerais, dado o lavado de cara no que está inmerso o PP logo de toda a que lle caeu en canto a corrupción e roubo. Agora xa nada vai ser igual. A convivencia en Boimorto está fracturada. Crearon unha crispación intolerábel nun pobo pequeno.

- Que lectura fai do cambio de postura do candidato do PSOE?

A nivel político (coa persoa non me meto), trátase dun impresentábel e dun individuo de moral distraída que traficou cos votos. Non vou entrar nos cartos, que é un terreo esvaradío, mais desde o punto de vista político e social meter a man nas conciencias é dun dos peores delitos que se pode cometer: Seis individuos (o que cambia da noite para a mañá e os cinco edís do PP) traizoaron a esencia da democracia. Quen conduciu a operación, o Sr. Balado, posíbel tránsfuga, e o Sr. Concheiro (PP), ilexítimo alcalde, non viven nin fai vida aquí, mais maman de Boimorto.

- Pensa que pode chegar a reconducirse a situación e que volverá ser o alcalde de Boimorto?

- Non é a miña aspiración volver ser alcalde, son un xubilado e a Alcaldía pesa, é un traballo moi duro. Con todo, aínda teño moita ilusión que queimar con Boimorto. Reconducir hase de reconducir porque a xente non esquece (espero) facilmente. Se en algo están de acordo as persoas que votan o PP e as que non o votan é que se xogou sucio e que se trata dunha operación mafiosa, haxa ou non cartos. De feito, saúdame máis xente do normal e, sen falar do tema, dedícanme sorrisos ou palmadas. A operación suicida vailles saír mal.

- Por que pasa o futuro do nacionalismo?

- Debe ser aberto, moito máis moderno e dinámico. Temos que adaptarnos aos tempos. Eu xa son un carroza. Porén, non creo que o nacionalismo se atope nun momento difícil. Os grandes medios de comunicación fannos crer que si o está, mais eu vexo moito nacionalista en potencia: hai moita xente que acredita no dereito a decidir e ao dereito a vivir na terra e que fala galego con normalidade. O problema é coordinármonos e volver ao común, sermos quen de beber unhas cuncas de viño do país tranquilamente, reconsiderar quen somos e quen non somos, non agredir ninguén e convivir.

Fotografías: Xurxo Lobato

pliego

A entrevista completa tela ao teu dispor no número 159 de Sermos Galiza, disponíbel xa nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.

Máis en Só en papel
Comentarios