18-F

Yolanda Díaz pide "axuda" a sindicatos e traballadores para reducir a xornada: "No Goberno tamén teño problemas"

"Pensades que se non estivese Sumar no Goberno íase facer isto?", preguntou, ante varios centos de asistentes ao mitin electoral que protagoniza tamén Marta Lois.
Jorge Suárez, Marta Lois, Iñigo Errejón e Yolanda Díaz, hoxe, nun acto de Sumar en Ferrol. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Jorge Suárez, Marta Lois, Iñigo Errejón e Yolanda Díaz, hoxe, nun acto de Sumar en Ferrol. (Foto: Nós Diario)

A vicepresidenta segunda do Goberno español, ministra de Traballo e líder de Sumar, Yolanda Díaz, pediu este sábado "axuda" ás forzas sindicais e a todos os traballadores e traballadoras para conseguir a redución da xornada laboral que prometeu e que asegurou que cumprirá. Pero, como tamén advertiu o futuro portavoz do grupo parlamentario, Íñigo Errejón, "ela soa" non pode e é preciso o empurre da xente.

"Dentro do Goberno tamén teño problemas", manifestou Díaz, nun mitin organizado no segundo día da campaña electoral para o próximo 18 de febreiro en Ferrol, a súa cidade natal, desde onde apelou a Pablo Iglesias, fundador do PSOE, para lembrar que a súa primeira loita na rúa foi pola xornada de 8 horas e é preciso agora recoller ese legado.

Un día despois da súa visita ao Vaticano, Yolanda Díaz asegurou que conta co beneplácito do xefe de Estado relixioso. "Onte [pola sexta feira] o papa Francisco díxome que era clave ter tempo para vivir, para pasear, para gozar e para amar", manifestou a líder da formación laborista, quen lembrou os agoiros de que se ían "cargar o país" subindo o salario mínimo pero o que fixo, en realidade, foi "salvalo", singularmente, na pandemia, salientou.

"Pensades que se non estivese Sumar no Goberno íase facer isto?", preguntou, ante varios centos de asistentes ao mitin electoral que protagoniza tamén Marta Lois, a candidata á Presidencia da Xunta. "Sei que vou ter moitos problemas coa redución da xornada laboral sen redución salarial. Pido que nos axudedes, aos sindicalistas, aos traballadores", salientou Yolanda Díaz, quen aseverou que "temos dereito a vivir mellor".

Errejón tamén reclamou "empurrar" para conseguir a redución laboral que defende Díaz, unha muller que "multiplicou por cinco" a súa para conseguir as melloras para os traballadores, afirmou. Díaz recoñeceu as "críticas por ir lenta" nalgunhas promesas pero incidiu en que se fará realidade igual que a suba do SMI, que se aprobará a vindeira terza feira no Consello de Ministros, tal e como confirmou o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, algo antes nun mitin do PSdeG en Ourense.

Comentarios