A Xunta terá que co-financiar os servizos sociais nos concellos de menos de 20 mil habitantes

Así o determinou o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza nunha sentenza que lle dá a razón á Deputación de Lugo.

Antón Veiga
photo_camera Antón [Imaxe Deputación de Lugo]

Por orde xudicial a Xunta de Galiza deberá facer responsábel dunha parte do financiamento dos servizos sociais correspondentes aos concellos con menos de 20 mil habitantes. Así o recolle a sentenza notificada o 23 de xaneiro polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) no contencioso-administrativo interposto pola Deputación de Lugo. 

De acordo co texto "existe unha responsabilidade pública á hora de financiar os servizos comunitarios básicos" que implica tanto aos concellos como ás Deputacións e a Xunta. "Tal papel de garante non converte a Xunta nun 'convidado de pedra' alleo ás vicisitudes dos entes locais", sinala o Superior de Xustiza na súa sentenza, senón que lle "comporta a carga implícita de estabelecer mecanismos xurídicos, técnicos ou financeiros que garantan os principios do sistema de servizos sociais". 

Unha actitude "irresponsábel"

Con esta decisión a máxima instancia de Galiza dalle a razón á Deputación provincial de Lugo e mesmo pon en dúbida o decreto aprobado en 2012 polo goberno de Alberto Núñez Feijóo mediante o cal se desentendeu de aportar fondos para servizos sociais na maior parte dos concellos da provincia de Lugo. Unha actitude "irresponsábel", en verbas do vice-presidente da institución e responsábel da área de Benestar Social, Antón Veiga (BNG), que tivo que ser paliada através dos fondos da propia Deputación "para non deixar tirados á meirande parte dos cidadáns da provincia". 

A Xunta asinou convenios coas Deputacións da Coruña, Pontevedra e Ourense --en mans do PP- mais non coa de Lugo, onde gobernan PSdeG e BNG

E é que o goberno galego asinou convenios con todos os executivos provinciais "agás co de Lugo", sinalan desde a Deputación. "Todo isto, a pesares das reiteradas reclamacións que lle fixemos desde 2012, e de ata redactarlle un borrador de convenio, que por suposto lle enviamos, sen obter resposta algunha", explican. 

A Deputación reclamará o diñeiro adebedado desde 2012

"Nos últimos 4 anos, o Goberno galego do PP achegou en 2012 e 2013 preto de 25 millóns de euros aos veciños de Pontevedra, A Coruña e Ourense a través dos convenios que si asinou coas Deputacións destas provincias" mais Lugo non percibiu fondo algún. Este feito levou a área de Benestar social a incrementar "un 30%" as partidas orzamentarias dirixidas a financiar os servizos sociais para "suplir o que a Xunta tiña que poñer e non pon", criticou Veiga. 

Após coñecerse o contido da sentenza do TSXG desde a Deputación de Lugo avanzaron que están a estudar "os posibles mecanismos legais para reclamar á Xunta os cartos que adebeda aos lucenses dende 2012" e que atinxirían a maior parte dos municipios da provincia agás a cidade de Lugo e poboacións como Sarria, Monforte ou Vilalba. 

Comentarios