Besteiro apoia Varela na Fegamp e acusa a Xunta de actuar como "espectro da escuridade" na súa relación cos concellos

O Executivo galego 12% do Fondo de Compensación Interterritorial en 2021 e 2022.
José Ramón Gómez Besteiro e Alberto Varela, esta segunda feira en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro e Alberto Varela, esta segunda feira en Compostela. (Foto: Nós Diario)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, acusou esta segunda feira o Goberno galego de actuar como "espectro de escuridade" na súa relación cos concellos galegos.

O tamén deputado no Congreso español pronunciouse deste modo en declaracións aos medios en Compostela, xunto ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde de Vilagarcía (O Salnés), Alberto Varela, despois de que esta fin de semana se coñecera que o PSdeG volve confiar en Varela para continuar catro anos máis á fronte do ente municipalista.

Besteiro criticou que a Xunta estea provocando o enfrontamento permanente co Estado español e cos Concellos "grandes e pequenos" mentres "evita ser clara nin transparente" nas transferencias ás localidades. 

Neste sentido, sinalou que así o constata o Consello de Contas cando di que nos exercicios de 2021 e 2022 tan só utilizou 10 dos 81 millóns dos que dispuña do Fondo de Compensación Interterritorial. Por isto, exixiu ao Goberno galego que aclare se as transferencias enviadas polo Estado "están a se utilizar para o que o Estado as envía ou para tapar outros 'furados' nas arcas da Xunta". 

Concellos "afogados"

Pola súa parte, Varela exixiu á Xunta da Galiza que aumente as partidas para os Concellos galegos, que están "afogados" pola falta de financiamento e polas competencias "impropias".

"Este ten que ser o momento no que os Concellos galegos reivindiquemos dunha vez por todas que non podemos seguir así, que é necesario facer un punto e aparte e chegar a acordos en materia de financiamento e competencias, porque a realidade é que estamos afogados", manifestou. 

Comentarios