Besteiro anuncia unha convención política aberta da que sairá o proxecto dunha “Galiza plural e orgullosa”

A Executiva Nacional do PSdeG aproba unha declaración oficial “de solidariedade” e apoio "aos compañeiros das sede socialistas atacadas".  O candidato do PSdeG reprocha a Alfonso Rueda que esta semana “perdeu unha oportunidade para pronunciarse expresamente contra eses ataques”

psdeg besteiro

José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta da Galizaa, anunciou este sábado que os socialistas galegos celebrarán unha Convención Política aberta "con máis de 1.000 participantes da que sairá o proxecto dunha Galiza plural e orgullosa do que somos”.

O candidato  lanzou este evento co que culminará “un proceso no que estamos imbuídos todos os socialistas galegos”, un proceso de escoita que está a facer o partido e o candidato “cun percorrido por toda a Galiza”. Besteiro fixo este anuncio ante os medios logo da Comisión Executiva Nacional Galega que se realizou con protección policial ante os" ataques violentos a moitas sedes do partido esta última semana".

Na Convención Política, “pensando por e para o país,” reuniranse entre 16 de 17 de decembro máis de 1.000 participantes entre os distintos paneis da mesma, sendo 600 deles representantes do partido e arredor de 400 deles de “institucións, entidades, colectivos, persoas individuais, profesionais”.

Besteiro asegura que “toda a sociedade galega estará representada nese proceso de interiorizar esas demandas, esas necesidades e procesalas nesa programación política para os vindeiros meses”. Ademais, remarcou que abrirán unha canle directa coa cidadanía, previa á convención, para que todos e todas se sintan incluídos.

Tamén anunciou Besteiro que a Executiva Nacional do PSdeG, reunida de forma urxente, aprobou unha declaración oficial “de solidariedade” para amosar o seu “apoio sen fisuras” aos compañeiros das agrupacións atacadas nas últimas semanas e fixo un “chamamento a que cese calquera tipo de comportamento violento contra as sedes do PSOE”. Lembrou que na Galiza xa foron denunciados ataques ás casas do pobo de Lugo, Ferrol, Pontevedra, Cangas, Santiago, Vigo e Vimianzo.

Por iso, Besteiro denunciou que “Rueda perdeu unha oportunidade histórica de repeler dunha forma expresa e contundente estes actos”. E asegurou que “non o fixo, porque é ao que está xogando o Partido Popular na Galiza e en España, a alentar este tipo de manifestacións”. Denuncia que esta semana o propio PP sumouse e alentou as mesmas “actuando como verdadeiro pirómano desas manifestacións, e aos galegos e ás galegas non nos gustan os pirómanos”.

Gómez Besteiro sinalou que na Executiva tamén se analizou o relativo á investidura que se vai a celebrar a vindeira semana na que “por fin se dá cumprimento ao que os españois, tamén os galegos e galegas, decidiron nas urnas o 23 de xullo”, alegou. Considera que a cidadanía deu “un mandato claro” de que non quería un Goberno de PP e Vox, senón “un Goberno distinto, diverso, plural”, para o que os socialistas seguiran na idea de “acordar para avanzar”.

Besteiro falou do “número máxico” que é o 179, “que son os deputados que van a votar a favor da investidura de Pedro Sánchez”. Recordou que esta cifra é superior aos apoios recibidos por Mariano Raxoi na investidura do 2016 e incluso polo socialista Rodríguez Zapatero en 2008.

Comentarios