Alberto Varela, máis perto de repetir como presidente da Fegamp

Negóciase unha candidatura conxunta.

Alberto Varela é alcalde da Fegamp, alcalde de Vilagarcía e secretario de Política Municipal do PSdeG. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Alberto Varela. (Foto: Xan Carballa)

O actual presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, é o elixido polos socialistas galegos para continuar á fronte da entidade que agrupa ás administracións locais da Galiza.

Ao tempo, ao longo destes días estase a negociar a elaboración dunha candidatura única para a dirección de Fegamp entre PP, PSdeG e BNG

A dirección do PSdeG apoiou "de maneira unánime" a proposta, un dos asuntos abordados pola Comisión Executiva Nacional Galega, reunida con carácter extraordinario e urxente este sábado.

Varela agradeceu a "confianza" da dirección do partido nun momento que cualificou de "decisivo". Tras un primeiro mandato "marcado pola pandemia", agora considera que é o momento de reivindicar ante a Xunta que non pode "seguir lastrando aos concellos galegos".

Así, o socialista ve "imprescindíbel" que o Goberno galego "atenda xa" a "lexítima reivindicación dun maior financiamento", así como que "asuma dunha vez por todas as competencias" e que "non siga cargándoas aos concellos", porque, pola contra, "pódense resentir servizos fundamentais como a axuda no fogar ou os servizos sociais".

Está previsto que a Fegamp realice a súa XI asemblea xeral ordinaria o próximo 15 de novembro no Palacio de Congresos de Santiago. Ademais de elixir a nova dirección, aprobarase a memoria de xestión e abordaranse os plans estratéxicos.

Comentarios