MEIO NATURAL

A Xunta alarga o arrase do Monte Pindo con viraventos e minicentrais

Cando se veñen de cumprir dous anos do incendio que devastou este valioso espazo natural denuncian que o Goberno galego ademais de non facer nada para o recuperar ameaza o que resta del.

Monte Pindo
photo_camera Monte Pindo

Ás 21:36 horas da pasada sexta feira, día 11, fixéronse dous anos desde que en 2013 dera inicio na Cima da Arca o que remataría sendo o peor incendio forestal de toda Galiza e o Estado español dese ano. Un lume que supuxo a devastación do Monte Pindo --o chamado Olimpo Celta de Galiza--, as marismas de Caldebarcos, costa de Quilmas e Canón do río Xallas. Trátase dun valioso espazo natural que, canda a Praia de Carnota, está recoñecido como Lugar de Importancia Comunitaria e fica incluído na Rede Natura 2000.

Denuncian a total inacción do Goberno galego na recuperación do espazo natural

O balanzo destes dous anos non pode ser peor. Así o xulga a Asociación  Monte Pindo Parque Natural, que denuncia que a Xunta de Galiza “non levou a cabo nin unha soa actuación de repoboación, restauración, nin avaliación da situación”. Engaden ademais que o executivo galego, en mans do Partido Popular, permitiu que o eucalipto colonizara o espazo protexido e mesmo consentiu que testaferros de empresas madeireiras os plantaran en parcelas de antigo bosque autóctono”. Denuncian tamén a conivencia, por omisión, coas actividades ilegais que se realizan na zona malia ter sido obxecto de reiteradas denuncias.

Mais o papel que está a xogar o Goberno galego vai alén da súa propia inacción. O colectivo critica o reiterado veto a iniciativas sociais que procuraban a recuperación deste valioso enclave natural. Fan referencia aos impedimentos postos para poder poñer en marcha o proxecto de voluntariado SOS Monte Pindo e a denegación, por catro ocasións, para declararen Monte Pindo como Parque Natural. Unha medida que levan reclamando desde 2010.

Parque eólico e minicentrais

A Xunta reactivou o proxecto de instalar sete novos aeroxeneradores nas inmediacións do Olimpo Celta

O Monte Pindo enfronta agora unha nova ameaza. Nova e vella á vez. Trátase da ampliación dos parques eólicos situados nas súas inmediacións. Un proxecto aprobado na última etapa do derradeiro Goberno Fraga (2005) que en 2011, logo da denuncia pública realizada por Adega coa Asociación Monte Pindo, foi paralizado comprometendo o Partido Popular que non ía ser autorizado.

Porén, este mes de agosto a Xunta reactivou o proxecto Ruña II –abrindo un período de alegacións-- que suporá a instalación de sete novos aeroxeneradores nas proximidades do  Monte Pindo e da cunca do río Xallas. De se levar a termo afectará a unha zona que está proposta para ser incluída na Rede Natura e na que se localizan cinco xacementos arqueolóxicos. Polo momento fica á espera dos informes de impacto ambiental, mais desde a asociación denuncian o interese do executivo galego en facelo realidade.

A oposición á instalación de máis viraventos quere evitar que se reproduza o grave impacto ambiental que xa está a provocar a posta en marcha de tres novas minicentrais hidroeléctricas na devesa de  Anllares. Un proxecto que xa supuxo talas indiscriminadas, a apertura de camiños  e tendidos eléctricos e o arrase de bosque de ribeira, incidindo na sobreexplotación do Río Xallas.

Comentarios