28-M

Vigo e Baixo Miño: o motor industrial do país

As comarcas de Vigo e O Baixo Miño supoñen o extremo suroeste da Galiza e comprenden 16 concellos nos que residen 474.648 persoas censadas. Destaca a cidade olívica como motor industrial e económico da Galiza xunto aos concellos da contorna, que aumentan poboación debido, entre outros motivos, ao encarecemento da vivenda na maior urbe do país. Con todo, alén da automoción, do naval e do sector servizos vigués, destaca o patrimonio histórico de ambas as comarcas e actividades económicas como a pesca, ameazada agora por un proxecto de eólica mariña fronte ás costas da Guarda, Oia, O Rosal e Baiona.
Habitantes en cada concello (datos do IGE de xaneiro).
photo_camera Habitantes en cada concello (datos do IGE de xaneiro).

Até 474.648 persoas censadas residen nas comarcas de Vigo e do Baixo Miño. A primeira, con 424.765 habitantes, mantívose practicamente igual en niveis de poboación neste mandato municipal (2019-2023), segundo os datos do Instituto Galego de Estatística publicados en xaneiro. Porén, a cidade olívica experimentou unha perda de poboación (de 295.364 a 292.374), e ficou lonxe dos 297.355 anotados en 2012, cando por pouco case alcanza a “ansiada” marca dos 300.000. A suba do prezo da vivenda na cidade explica a perda poboacional. O aluguer encareceu 19% neste mandato e en Vigo, só en 2022, a compra de vivenda encareceu 6,2% (por riba da media das urbes, 6%), segundo o informe de taxación inmobiliaria.

O aluguer de vivenda libre dispoñíbel é escaso. En Vigo ofértanse só 500 pisos, segundo a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias. No Rexistro único de demandantes vivenda de protección oficial de promoción pública da Xunta figuran 4.715 persoas anotadas nesa cidade. Só nela hai máis demandantes que inmóbeis ten o parque público residencial da Galiza (non chega a 4.000). O prezo e a falta de vivenda axudou nestes catro anos a incrementar a poboación dos concellos próximos a Vigo, como Gondomar (pasou de 14.286 habitantes a ter 14.970), Nigrán (de 17.675 a 18.054), O Porriño (de 19.848 a 20.408) ou Soutomaior (de 7.395 a 7.543). En canto ao Baixo Miño, tamén se dá unha lixeira suba de poboación, de 49.464 a 50.697, manténdose practicamente igual A Guarda e Oia, e aumentando notabelmente Tui (de 16.701 a 17.375), Tomiño (de 13.499 a 13.779) e O Rosal (de 6.234 a 6.450).

A poboación da área metropolitana de Vigo é aínda maior (perto dos 540.000, ao abranguer concellos do Morrazo), e nun espazo tan interconectado e con desprazamentos intermunicipais a diario faise aínda máis precisa para mellorar a mobilidade a activación da figura de área metropolitana -bloqueada polas disputas entre o Concello de Vigo e a Xunta da Galiza-. Trátase ademais da área metropolitana máis poboada do Estado sen tren de proximidade.

Da industria aos servizos

A zona, motor industrial da Galiza, perde peso ante o sector servizos, que ocupa a maioría de residentes dos concellos de ambas as comarcas. En afiliacións á Seguridade Social por concello de residencia, á cabeza está Vigo, con 79,1 da porcentaxe de afiliación nos servizos e só 15,5 na industria. Este mandato remata con 1.500 postos de traballo menos. As porcentaxes máis altas de residentes de cada concello que traballan na industria tenas Salceda (28,4%), O Porriño (26,1%), Mos (24,4%), Pazos (23,6%), Tui 21, e Gondomar, O Rosal e Tomiño (en 20%). Destacan dous grandes parques empresariais do Porriño, o das Gándaras (cunhas 40 empresas e uns 4.000 empregos directos) e a Granxa (225 empresas e uns 6.400 empregos) coa automoción e a química como actividades principais.

No ranking por ingresos de explotación das principais empregas galegas recollido no informe Ardán da Zona Franca de Vigo aparecen dúas de Vigo, Stellantis (con 6.563,3 millóns de ingresos en 2020) e Nueva Pescanova  (636,4 millóns). Ambas as empresas levan anos no foco da polémica, a primeira, por afondar na dinámica de paros de produción e despedimentos, con sentenzas xudiciais como a deste ano na que saíu condenada por vulnerar a liberdade sindical. En canto a Nueva Pescanova, o mes pasado coñeceuse que Abanca estaba a negociar vender a maioría da súa participación a un grupo empresarial do Canadá.

Alén dos servizos e da industria hai máis economía. Onde o agro ocupou máis porcentaxe de afiliacións figura O Rosal (9,3), Tomiño (9) e Oia (7,2). A pesca ten os datos máis altos como sector de actividade na Guarda (6,3), Oia (4,7) e Soutomaior (3,1). Este último concello, que posúe un dos castelos máis fermosos da Galiza, é o que ten a renda máis baixa da ría de Vigo e o cuarto que menos riqueza xera da provincia de Pontevedra, malia o potencial da pesca e do marisqueo.

Eólica por mar e terra

Precisamente a frota está en alerta nesta zona. O sábado pasado A Guarda acolleu unha protesta contra os Plans de ordenación da eólica mariña do Goberno español. Mariñeiros ven ameazada a súa actividade pola empresa IberBlue Wind que proxecta dous parques eólicos mariños na costa limítrofe entre Galiza e Portugal. O emprazamento coincide cunha das máis importantes áreas de pesca da Galiza, fronte ás costas da Guarda, Oia, O Rosal e Baiona. Tamén están os proxectos de eólica mariña de Capital Energy a 30 km da costa viguesa e o de Ferrovial, nas Rías Baixas.

A eólica en terra tamén preocupa, como no caso de Fornelos. Na serra do Suído proxéctase o parque eólico Carballoso, que afectaría ademais de Fornelos, A Lama e Avión. O mes pasado, na parroquia da Laxe, en Fornelos, celebrouse o I Festival do Suído, con poetas, artistas e veciñanza contra os eólicos nesta serra. Xunto con Carballoso, están previstos nove parques eólicos máis ao longo de toda a dorsal, que suporían a instalación de case 200 turbinas.

Un Partido Popular en minoría

O PSdeG  goberna en 9 dos 16 concellos, con varias maiorías absolutas como a de Abel Caballero en Vigo. Sumou a novena Alcaldía á metade do mandato en Salceda, onde pactou cogobernar con Movemento Salceda e repartirse a Alcaldía por dous anos. O PP conta con 5 Alcaldías. A quinta sumouna en 2022 após renunciar Eva García (PSdeG) para evitar que se consumase a moción de censura na súa contra. O BNG goberna con maioría absoluta Tomiño e O Rosal, e ficou a 43 votos de superar o PP en Soutomaior e gañar o Goberno. Agora esta praza é chave para os nacionalistas, que esperan pór Manuel Lourenzo na Alcaldía.


As alcaldesas destacan "as transformacións realizadas"

As rexedoras Sandra González (Tomiño), Digna Ribas (Redondela) e Nidia Arévalo (Mos).
As rexedoras Sandra González (Tomiño), Digna Ribas (Redondela) e Nidia Arévalo (Mos).

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González (BNG), en conversa con Nós Diario, fai unha valoración "moi positiva" dos seus mandatos -leva á fronte do Concello desde 2007-. "A transformación e o cambio que se viviu neste municipio é innegábel", sinala, "somos dos concellos que máis temos mudado, pasando dun centro que non había porque era un cruzamento de estradas" a ter un concello con calidade de vida. "Levamos investido en benestar desde que comezamos con partidas que nunca deixaron de crecer para coidar das persoas". Tomiño, que era case un ente anónimo, explica a rexedora, "recuperou a centralidade na comarca e ten peso propio".

Preguntada polas prioridades do vindeiro mandato, di que "as urxencias hai que atendelas sempre (saneamento, servizos sociais....), mais o que define os proxectos capaces de mudar os concellos son as propostas a medio e longo prazo. E o que toca agora é mirar a longo prazo e pensar nese Tomiño 2030 que formulamos para o concello que queremos no futuro, iniciando accións que incrementen a calidade de vida non no vindeiro ano senón nos próximos anos". Exemplo disto é "a creación de solo empresarial que estamos a facer, unha gran zona verde nova, a oficina de vivenda para atraer residentes unha vez que xa conseguimos que Tomiño sexa un concello apetecíbel para vivir...". Sobre a raia, sinala que "nun mundo en que Europa está en guerra, nós vivimos nunha fronteira de paz, un lugar dinámico, é unha vantaxe", di en referencia á eurocidade Cerveira-Tomiño.

 A rexedora de Redondela, Digna Ribas (PSdeG), leva catro anos co bastón de mando e aspira a mantelo. En conversa con Nós Diario fai unha valoración moi positiva do mandato aínda que, como di, é unha "persoa autocrítica" e ten moitos proxectos en marcha que coa pandemia da Covid "non todos se puideron rematar" e van "nesa liña de transformar Redondela que fixemos e continuaremos". Ribas amosa satisfacción de ter comezado un traballo "que era moi importante".

"Teño moitas propostas de transformación de Redondela" para o novo mandato, asegura, pero "o importante é que agora non son borradores nin infografías, senón que xa son proxectos en redacción ou para licitar". Destaca humanizacións, melloras de espazos públicos e de instalacións, a creación dun auditorio ao ar libre, a reforma integral da praza de abastos ou a reforma de escola infantil Marismas para dotala de comedor. Con todo, "hai actuacións urxentes da Xunta da Galiza polas que levamos agardando máis de catro anos, como a reparación das avenidas Mendiño e Vigo. En canto a turismo, "estamos a ser referentes co Camiño portugués, o mesmo que a nivel cultural cunha programación continuada", destaca Ribas.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo (PP), leva á fronte do Concello desde a súa chegada á Alcaldía en 2008, cunha moción de cesura cun edil tránsfuga do PSdeG. "Antes, Mos era un municipio case descoñecido, un anaco de autovía que daba servizo a Vigo, unha entrada pola que pasar" e agora "conta con grandes proxectos que sitúan este concello de 15.000 habitantes ao mesmo nivel que outras grandes cidades pola magnitude das iniciativas, tanto públicas como privadas que atrae", sostén. O seu soño, é ver esa autovía que atravesa o concello "como unha estrada verde".

Unhas das apostas fortes de Arévalo foi a construción da cidade Afouteza do Celta. Porén, o TSXG desestimou en abril o recurso do Concello e ratificou a ilegalidade da cidade deportiva, dando a razón á veciñanza comuneira de Tameiga.

Comentarios