A Xunta Electoral aprecia "electoralismo" na viaxe en AVE a Vigo do ministro Óscar Puente canda os Reis Magos

Após unha denuncia do PP, a Xunta Electoral Galega considera que o acto infrinxiu a normativa mais decide non abrir expediente

EuropaPress_5669148_i_d_ministro_transportes_movilidad_sostenible_oscar_puente_candidato_psdeg
photo_camera (Foto: Europa Press)

A Xunta Electoral Galega (XE) considera que a viaxe que realizou até Vigo o ministro de Transportes e Mobilidade Sustentábel, Óscar Puente, en AVE xunto aos Reis Magos na xornada do 5 de xaneiro vulnerou a lei electoral porque incorreu en mensaxes "electoralistas", aínda que esta infracción non implica a apertura de expendientes sancionadores contra o mandatario e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Así o recolle unha resolución á que tivo acceso este sábado Europa Press, na que a XE aprecia parcialmente a denuncia presentada polo PP sobre a visita do ministro á cidade olívica, á que chegou nun tren Talgo en probas xunto aos Reis Magos até a estación de Vialia, onde agardaban, entre outros, o rexedor vigués e o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro.

A XE, que inicia a súa argumentación sinalando que non cuestiona que Puente se desprazase a Vigo nun tren en probas, estima que a presenza na estación de "autoridades" do Estado e do Concello, así como a do propio Besteiro, "non pode reputarse como casual, como tampouco pode ser casual a ampla presenza de medios de comuniación".

Continúa con que as declaracións feitas polo ministro Puente e Abel Caballero "evidencian eloxios aos logros obtidos en materia de infraestruturas e teñen indubidábeis connotacións electoralistas", polo que determina que o "conxunto" destas circunstancias supón "unha violación dos principios de neutralidade dos poderes públicos e de igualdade entre os actores electorais" que marca a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeneral no seu artigo 50.

Así mesmo, tamén destaca que o acto desenvolvido na plataforma "non pode considerarse como imprescindiíbel para a salvaguardia do interese xeral para o correcto desenvolvemento dos servizos públicos" e, por tanto, non pode ampararse na instrución da XE que estabelece excepcións para o desenvolvemento de campañas institucionais en período electoral.

Por todo isto, estima parcialmente a denuncia do PP e determina que Puente e Caballero incorreron nas prohibicións que marca a LOREG, aínda que decide non incoar expediente contra eles "unha vez ponderado as circunstancias concurrentes".

Comentarios