A Xunta desenténdese da venda de Xeal: "É o mercado"

A Consellaría rexeita calquera "intervencionismo"
Planta de produción de ferroaliaxes de Xeal, no municipio de Cee (Foto: Europa Press).
photo_camera Planta de produción de ferroaliaxes de Xeal, no municipio de Cee (Foto: Europa Press).

O grupo checo Energo-Pro vén de comprar 100% de Xeal, complexo de referencia na hidroeléctrica e ferroaliaxe na Galiza que en catro anos pasou por tres propietarias diferentes, ningunha delas galega. Unha operación sobre a que pairan dúbidas entre o cadro de persoal e o BNG, mais non na Xunta da Galiza. 

O secretario xeral de Emprego da Consellaría de Economía e Industria, Pablo Fernández, situou onte esta operación como propia do "mercado libre". Fíxoo durante a súa quenda de resposta ás preguntas formuladas na comisión de industria por Daniel Pérez (BNG) sobre a venda. O deputado nacionalista instou o Goberno galego a manter unha "posición firme" que garanta os postos de traballo e a actividade na comarca de Fisterra, ao tempo que denunciou que as centrais vendidas agora por 300 millóns de euros foron adquiridas no seu día por 170 millóns, mais este aumento “non tivo un impacto positivo na comarca”, e foron "destruídos empregos".

Fernández anunciou que a Xunta pediu unha xuntanza coa nova propietaria das dúas factorías e dez centrais hidroeléctricas adquiridas a Sixth Street —que no seu día as comprara a Villar Mir—, e que nesa reunión solicitará o plan de viabilidade. Pero nada máis. "Vivimos nun sistema de libre mercado", indicou, ao tempo que cualificaba como "boa nova" que o grupo checo sexa "unha empresa do sector" e que sexa "solvente".

Pérez insistiu en que o Goberno non pode limitarse a una xuntanza, “debe facer cumprir as cláusulas concesionais e garantir os postos de traballo e actividade industrial nunha comarca gravemente castigada tras tantas operacións que só benefician grandes enerxéticas”.

Comentarios