A Xunta carga contra o Goberno español: "Non lles interesa a conexión Vigo-Porto"

"Vimos unha declaración de intencións que non vén acompañada nin cunha planificación real, nin con compromisos económicos, nin con cronogramas concretos", reprochou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.
A conselleira de Mobilidade e Infraestruturas, Ethel Vázquez (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera A conselleira de Mobilidade e Infraestruturas, Ethel Vázquez, no Parlamento. (Foto: Xunta)

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, lamentou que, tras o decorrer da cimeira hispano-portuguesa que tivo lugar a cuarta feira en Lanzarote, o que "se detectou e comprobou" é que non hai "un interese real por parte do Goberno español" para a conexión Vigo-Porto por tren, a denominada 'saída sur' da cidade olívica.

"Conexión fundamental"

Así o expuxo esta quinta feira a titular de Infraestruturas da Xunta na visita ás obras dunha senda peonil en Ourense, onde asegurou que a conexión entre a cidade olívica e a cidade lusa "é fundamental", afeando que nese cume "non se viu vontade real que se traduza en feitos concretos" .

"Vimos unha declaración de intencións que non vén acompañada nin cunha planificación real, nin con compromisos económicos, nin con cronogramas concretos", reprochou Vázquez, á vez que lamentou que a saída sur de Vigo "unicamente ten, con moito atraso, un estudo de alternativas" que "non concreta o trazado nin a alternativa definitiva" e que, ademais, "elimina da planificación a conexión do porto de Vigo, da terminal de Bouzas, coa saída de Vigo".

"Non hai vontade"

Así pois, lembrou que hai un estudo informativo "pendente de adxudicar" e, por tanto, insistiu en que non viron "vontade real", senón só "unha mera declaración de intencións". "Vimos máis vontade por parte do Goberno portugués", sostivo a Vázquez.

Neste sentido, reiterou que a Xunta da Galiza solicita "un compromiso real que se traduza en feitos", que conte "cun cronograma con planificación e con investimentos", lembrando que actualmente "o único investimento que hai no saída sur de Vigo son 30.000 euros" asignados nos Orzamentos Xerais do Estado.

Comentarios