O embaixador de Portugal no Estado español pide a conexión de alta velocidade coa Galiza para 2030

Despois de reunirse co presidente galego, Alfonso Rueda, o embaixador de Portugal no Estado español, João Mira-Gomes, resaltou que "se fala moito da conexión con Vigo, pero Vigo é soamente un punto de entrada". "Nós queremos ter a conexión coa Galiza no seu conxunto", recalcou.
O embaixador de Portugal no Estado español, João Mira-Gomes (á dereita) esta segunda feira en Compostela (Foto: Europa Press).
photo_camera O embaixador de Portugal no Estado español, João Mira-Gomes (á dereita) esta segunda feira en Compostela (Foto: Europa Press).

O embaixador de Portugal no Estado español, João Mira-Gomes, subliña que o que o seu país pide ao Goberno español é "que todo estea listo" para que se materialice a conexión de alta velocidade coa Galiza no horizonte de 2030.

"A demanda é que todo estea listo en 2030, porque nos gustaría moitísimo ter a conexión coa Galiza", resaltou, antes de participar nun xantar-coloquio con empresarios en Santiago de Compostela.

Despois de reunirse co presidente galego, Alfonso Rueda, João Mira-Gomes resaltou que "se fala moito da conexión con Vigo, pero Vigo é soamente un punto de entrada". "Nós queremos ter a conexión coa Galiza no seu conxunto", recalcou.

Por iso é polo que salientou que a Portugal gustaríalle " que todo estivese listo en 2030".

En calquera caso, advirte: "Como din os anglosaxóns, fai falta dúas persoas para bailar. It takes two to tango. Por iso temos que atoparnos na fronteira nesa data", resolveu..

O acto

No acto, organizado pola confederación de empresarios de Galicia (CEG) e coa asistencia do vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, o embaixador de Portugal referiuse ao marco de relacións entre ambos os Estados e á "cooperación estratéxica" en áreas como o automóbil, o litio e "toda a cuestión das infraestruturas como o ferrocarril".

Reunión con Rueda

Precisamente, na reunión co titular da Xunta, ambos incidiron na "necesidade de seguir traballando" para alcanzar as infraestruturas pendentes entre ambos os Estados a través da Galiza, sinala o Goberno galego nunha nota de prensa.

Neste sentido, Rueda agradeceu ao Executivo luso a través do seu embaixador a súa "aposta decidida" pola conexión ferroviaria de Portugal coa Galiza.

Comentarios